O voceiro popular Jaime Castiñeira denuncia que “as ordenanzas fiscais que o goberno municipal levará ao pleno atentan contra a progresividade e a xusticia”, xa que “están nas antípodas de Lugo e da realidade social actual dos lugueses”
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, afirmou esta mañá en rolda de prensa que “a proposta fiscal do goberno socialista é covarde, inxusta e improvisada”, de xeito que “este documento fai xogo cun goberno municipal que descoñece claramente a realidade de Lugo e dá a impresión de que está pensado exclusivamente para recadar, con independencia da situación de cada veciño ou de cada barrio”.
Nesa liña, o popular asegurou que “as ordenanzas fiscais que o PSOE levará ao pleno atentan contra a progresividade e a xustiza ao incluír subas liñais e indiscriminadas, como a do IBI”, xa que “están nas antípodas de Lugo e da realidade social actual dos lugueses”, polo que o Grupo Municipal do Partido Popular presentará unha batería de emendas a trece das modificacións propostas polo goberno local.
Castiñeira detallou que “un dos cambios que é necesario acometer con carácter de urxencia é a relación de rúas adscritas a cada unha das categorías fiscais”, posto que o “que se adxunta non está adaptado á realidade actual, senón que está totalmente desfasado, o que supón importes desorbitados e inxustos para algunhas rúas na taxa de ocupación de vía pública, tanto para obras como para terrazas”. Nesa liña, o voceiro popular exemplificou que “non ten ningún sentido que unha terraza nalgunha rúa da Residencia custe máis que as de Augas Férreas ou que supoña o mesmo importe para a Praza Maior que para a rúa Hermanos Carro”. “Do mesmo xeito que tampouco ten ningunha lóxica que saia máis barato realizar obras nas rúas do Polígono da Tolda (Bouza, Valiño…, con categoría 4) que no Sagrado Corazón ou en Aquilino Iglesia Alvariño (categoría 3)”, reflexionou. “Todo iso por non dicir que hai algún núcleo rural, como os de Cima de Vila en Pedreda e en Piúgos, de nivel 3, o que significa que é máis caro que nun gran número de rúas da cidade”, incidiu.
Taxas de obras.-
O voceiro popular afirmou tamén que “Lugo ten que encamiñarse cara a un modelo máis homoxéneo no que as taxas de obras para edificacións (andamios, contenedores…), cuns importes similares para toda a cidade, agás para as rúas que non teñen servizos, que loxicamente deben quedar á marxe; e coas bonificacións que correspondan para aquelas zonas nas que interese fomentar a rehabilitación”. Así mesmo, Jaime Castiñeira tachou de “escandaloso” que no casco histórico se suban as taxas, de maneira que “de entrada, se un propietario quere pintar a fachada da súa vivenda sáelle máis caro pagar ao Concello pola taxa de ocupación de andamio que a pintura en si mesma”.
Ao mesmo tempo, asegurou que “dá a impresión de que o que busca o PSOE é machacar determinadas zonas da cidade, porque de nada serve que se establezan bonificacións de licenzas se despois se multiplica por sete a ocupación por valados, andamios, puntales…”, dado que esta tarifa pasa dos 7,31 euros por metro cadrado por quincena ou fracción ás 47,85 euros, segundo a proposta do goberno. “Se as obras do centro presentan sempre máis complicacións, agora aínda terán máis”, resumiu o voceiro popular, quen dixo que “non ten sentido que se incorporen bonificacións xenéricas para que ao final os importes sexan similares aos que se pagaban actualmente”. “A non ser que o obxectivo sexa que os lugueses non se decaten de que existe esa bonificación e así non a pidan”, advertiu o popular, que censurou que “unha ordenanza pase de ser sinxela, como debe ser unha norma, a ser farragosa e complicada de entender”.
Por outra banda, Castiñeira tamén criticou a “incongruencia” de que “se pretendan baixar as taxas para grúas de longa estadía pero se suban as de curta estancia no centro un 36% (de ata catro meses)”, xa que pasarían dos 210,8 euros mensuais aos 287,09 euros de prosperar a proposta socialista.
Taxas de terrazas.-
En canto ás taxas das terrazas, o popular afirmou que “o lóxico sería que fosen en relación ao valor de mercado da zona, de xeito que fose proporcional ao que custa un aluguer dos baixos comerciais”. Fronte a isto, “a decisión do goberno socialista é a de subir as tarifas a unha gran parte da cidade (categoría 1: casco histórico, Montero Ríos, Castelao…) malia a que figuraban solicitudes de hosteleiros para que non se incrementase para o ano que vén”, indicou Castiñeira, quen criticou “a incongruencia de que se baixen as tarifas de zonas como Augas Férreas mentres soben noutras da cidade”. “Coas terrazas ocorre o mesmo que coas taxas por ocupación de obras, que incorporan unha bonificación xeral despois de recoller unha suba xeral das tarifas”, advertiu Castiñeira, quen asegurou que “dá a impresión de que este é o primeiro paso para que os socialistas poidan o ano que vén con maior facilidade subir as tarifas pola porta de atrás, presumindo de conxelación”.
Emendas do GMPP.-
Por outra banda, a edil responsable de Economía do Grupo Municipal do Partido Popular, Isabel Devesa, detallou que as emendas do PP, nas que se inclúen medidas como a rebaixa do 10% do IBI, están orientadas a un triplo obxectivo: o apoio ás familias lucenses, cun plan de pago fácil ou co aprazamento de pagos para familias en dificultades; a estimulación á creación de emprego e empresas, estendendo as bonificacións das Gándaras ao resto da cidade ou cunha bonificación dun 95% para a primeira iniciativa empresarial; ou a ampliación dos incentivos á rehabilitación e o mantemento no casco histórico, nos barrios e núcleos rurais, como a estensión das bonificacións dun 95% do ámbito PEPRI para a rehabilitación de vivendas do resto da cidade ou unha bonificación do 95% na concesión de licenzas para a construción de naves con usos gandeiros, agrícolas e forestais, entre outras.
Ante esta situación, Castiñeira concluíu que “a proposta fiscal non está preparada para que se leven a este pleno”, ao tempo que resumiu que “o mellor que podían facer os socialistas é non ter tocado ningunha porque deixaron todo moito peor do que estaba”.