Persoal

O PP considera que o informe do interventor “desmonta tamén a RPT”

By 19 Abril, 2017Abril 20th, 2017Sin comentarios

 O vicevoceiro popular asegura que “o informe da Intervención Municipal é moi contundente” ao “cuestionar” a validez xurídica dunha Relación de Postos de Traballo que “inclúe subas salariais xeneralizadas, en contra da lei e da xurisprudencia”

O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, acusa ao goberno local de “ter provocado unha gran contestación social entre os funcionarios e de ter xerado un gran enfrontamento entre eles” a costa dunha Relación de Postos de Traballo “que conta con dous informes negativos de Persoal e Intervención”.

A este respecto, o vicevoceiro popular incide en que o informe que elaborou a Intervención Municipal “tamén desmonta” a proposta do goberno local xa que este funcionario cuestiona en diversos puntos a validez xurídica do documento sometido á súa consideración, por factores como a inexistencia das valoracións económicas do complemento específico asignado a cada posto. Sobre este punto, o popular pregúntase “como pretende o goberno que o interventor avalíe o impacto económico se nin sequera lle facilitan este dato esencial”, ao tempo que subliña que “outro factor da súa posible nulidade” ao que alude este técnico é a inclusión de subas xeneralizadas e liñais para os empregados públicos. “Pero a lei e a xurisprudencia son moi claras a este respecto e din que sempre teñen que estar moi xustificadas con criterios de singularidade, excepcionalidade e carácter imprescindible en lugar de aplicalas á globalidade ou á maioría dos postos de traballo, como insiste o interventor”, matiza Ameijide, quen lembra ao goberno que o propio interventor os alerta das consecuencias de usar esta fórmula “para eludir as limitacións normativas aos incrementos retributivos establecidas na lexislación orzamentaria estatal”.

O popular incide, ademais, en que “outra cuestión non menor sobre a que advirte reiteradamente o interventor” é en que o aspecto das retribucións complementarias “que foi xa o que tumbou por sentenza xudicial a Escola Municipal de Música, aínda hoxe coa súa continuídade no aire, polo erro que cometeu o goberno local é o mesmo no que poden volver incorrer na tramitación da nova Relación de Postos de Traballo”.

Máis deficiencias na tramitación.-

Así mesmo, o vicevoceiro popular explica que o interventor municipal suxire a posible existencia de “arbitrariedade” e “opacidade” na xestión deste documento, xa que os criterios enunciados de favorecemento da promoción interna non parecen adecuarse á realidade de supresión de determinados postos con relevancia dende unha perspectiva organizativa dos servizos –xefes de servizo, adxuntos, etc.- que en determinados servizos limitan tales posibilidades, sen que consten especificadas nin as causas explicativas de tales supresións nin os criterios delimitadores do mantemento de tales estruturas en determinados servizos fronte a outros. Paralelamente, noutro punto do seu informe advirte ao goberno de que cómpre lembrar que a valoración dos postos de traballos resulta ser condición necesaria para acreditar a súa validez xurídica (…) sen que poida substituírse sen máis polo mero acordo das partes negociadoras.

Por outra banda, Ameijide explica que á ducia de incidencias que puxera sobre a mesa o informe de Persoal o do Interventor engade outras deficiencias que opina que se deben subsanar como a codificación idéntica dos postos en todos os documentos; a xustificación dos motivos de amortización de postos e de creación doutros de idéntica categoría e denominación; a explicación das distintas adscricións respecto das escalas para os mesmos postos; ou a argumentación da asignación de complementos de destino entre postos de distinta categoría co resultado de atribución de complementos superiores aos postos de inferior categoría.

“Todo iso por non entrar noutros aspectos que pon de manifesto o interventor no seu informe como o incumprimento do prego de condicións segundo o que se adxudicou a elaboración da RPT á empresa ou a escasa argumentación da Dirección Xeral de Recursos Humanos para a nova Relación dado que este novo cargo político alude á inexistencia de valoración previa na vixente RPT, apartado que o interventor asegura que si aparece recollido”, asevera.

Finalmente, Antonio Ameijide  insta á alcaldesa a “dar a cara” e “dicir que pensa facer” cunha Relación de Postos de Traballo “á que lle dan as costas os dous informes técnicos e que suscitou tanta contestación por parte dos empregados públicos municipais”. “Intentaron resolver un problema e o único que fixeron foi agravar a fenda que había antes e provocar unha rolda de manifestacións uns días a favor e outros en contra”, conclúe.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies