O concelleiro do Grupo Municipal do PP Óscar Poy ve mínimos os avances realizados polo goberno local no último ano tendo en conta que o goberno de Lara Méndez sempre presumiu de ter un proxecto moi ambicioso para o circuíto de motocrós
O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Óscar Poy, visitou as obras que se están a facer no circuíto de motocrós de Lugo, unha obra na que o goberno local leva meses traballando e que dista moito de ser “o proxecto ambicioso que anunciou Miguel Fernández en setembro do ano pasado”.
Óscar Poy sinala que despois dun ano traballando “agardábamos algo máis” sobre todo despois de ver como o venderon a bombo e platillo dende o goberno de Lara Méndez. “Si, traballaron, pero a realidade é que dista moito de ser ese proxecto ambicioso e de primeiro nivel que todos queremos”, lamentou.
Durante á visita ao circuíto, na que Óscar Poy estivo acompañado de Antonio Ameijide e Manuel López, os populares constataron como aínda queda moito traballo pendente, como realizar traballos de desbroce xa que todo o entorno está cheo de maleza, o paddock, os vestiarios, as oficinas…. “moito traballo aínda por diante” polo que Poy pregunta ao
goberno local “que partida teñen pensado destinar nos orzamentos do
vindeiro ano a este circuíto”.
Para o popular a ambición do goberno de Lara Méndez “é mínima” xa que se temos que facer un balance, podemos dicir que nun ano fixeron menos do 15% do proxecto polo que no vindeiro proxecto dos orzamentos municipais veremos se o circuíto “cae en saco roto e todo queda nunha nova cortina de fume” do goberno local ou se, pola contra, desta volta de verdade nos sorprenden e apostan por un proxecto moi demandado entre a veciñanza, xa que en Lugo hai moitos afeccionados a este deporte.
Óscar Poy tamén pide ao goberno local máis vixilancia na zona, xa que se detectaron varios vertedoiros incontrolados, tanto no interior como no exterior do circuíto, zonas nas que hai todo tipo de materiais (electrodomésticos, mobles, materiais de obras…) que poden provocar graves danos ambientais.