O concelleiro popular Antonio Ameijide denuncia que “moitas das rúas nas que se acaba de actuar xa teñen a pintura borrada ou desprazada” e cualifica de “chapuzas” os pasos de peóns sinalizados “á metade” ou “as frechas sen repintar”
O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular Antonio Ameijide criticou esta mañá en rolda de prensa “a paralización e inutilidade, tal cal foi realizado” do repintado da sinalización viaria.
Durante a súa comparecencia, o edil popular denunciou que “esta campaña, que tanto dende o PP como os cidadáns levabamos anos reclamando, chega tarde, mal e a rastras”, xa que, como explicou, “en moitas rúas ás horas de seren repintadas xa estaban as marcas comezando a borrarse ou a seren desprazadas”. “Pero a chapuza vai moito máis alá porque nalgún punto como no que nos atopamos na avenida de Carlos Azcárraga directamente só se pintou a metade dun paso de peóns ou quedaron zonas sen cebrear ou frechas sen darlles cor”, detallou.
O popular denunciou tamén que polo momento “non se ten actuado nin nun 15% do total das rúas nas que estaba previsto intervir de acordo co contrato que o Concello de Lugo asinou por importe de 119.000 euros”, polo que cargou contra “a falta de control das obras e a permisividade explícita dos socialistas” á paralización destas accións. “O que está claro é que non podemos permitir que se nos bote enriba o inverno, cando máis adversas son as condicións meteorolóxicas e cando máis densidade de tráfico hai”, subliñou Ameijide, quen incidiu en que “é un contrato para o que existía un acordo entre PP e PSOE dende xuño de 2014, polo que tiveron dous veráns, o de 2014 e 2015, para executar de xeito completo estes traballos e afectando moito menos ao día a día da cidade”. “Pero o certo é que debido ás présas que agora lles entraron temos unha sinalización que durará nalgún caso apenas unhas semanas”, aseverou.
Así mesmo, o edil de Tráfico e Mobilidade solicitou que o Concello de Lugo destine o aforro que obtivo na licitación do contrato (uns 80.000 euros) á adxudicación dun novo no que se inclúan actuacións en todas as zonas que quedaron excluídas do actual “por decisións políticas”, como A Residencia, Fonte dos Ranchos, Avenida das Américas, Ronda do Carme, A Ponte, O Castiñeiro, Garabolos ou Piringalla. “Estamos a falar de que deixaron fóra deste contrato todas as rúas comprendidas entre a rúa Santiago e a Avenida da Coruña”, en contra do criterio técnico do informe do xefe de tráfico de Policía Local, elaborado en xuño de 2014 e no que considerou “de prioridade alta e media” a intervención en numerosas rúas dese entorno, ao tempo que lembrou que a adxudicación actual, realizada o 1 de xullo de 2015 e co contrato asinado o 10 de agosto de 2015, só contemplaba a actuación en 47 das 164 rúas nas que os técnicos vían preciso intervir.
Por último, anunciou que o Grupo Municipal do Partido Popular trasladará ao vindeiro pleno unha proposición para que o goberno instaure un Plan Integral de Protección ao Peón con medidas de reforzo da seguridade dos peóns, melloras na sinalización horizontal e vertical, así como a incorporación de dispositivos luminosos e de sensores nos pasos de peóns que contribúan a garantir a circulación de persoas. “O obxectivo é que Lugo deixe de ser a cidade galega con máis peóns feridos”, concluíu, ao tempo que sinalou que “ao non estar empregando en certa sinalización horizontal pintura antideslizante estase a incumprir o acordo plenario en relación a un plan específico de seguridade par motocicletas”.