Servizos sociais

O PP critica “a despreocupación” en materia de conciliación familiar do goberno

By 20 Agosto, 2016Agosto 22nd, 2016Sin comentarios

 A edil popular Mari Teijeiro ve “irresponsable e unha tomadura de pelo” que o goberno municipal despache as numerosas queixas recibidas no Concello polas aulas abertas “dicindo que resolverán en tres meses cando xa teña rematado o verán”

A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo Mari Teijeiro critica a “despreocupación” do goberno socialista en materia de conciliación familiar.

“A última proba da falta de sensibilidade e de concencia nesta materia do goberno municipal é a resposta que están a dar aos pais que formularon protestas no seo da Comisión Municipal de Queixas e Suxestións pola supresión repentina do servizo de Aulas Abertas no centro María Balteira”, xa que, como desvela a popular, “a única solución que lles están a dar é que en tres meses responderán a súa reclamación”. “Resulta irresponsable e unha tomadura de pelo que os socialistas se despachen desta ducia de queixas asegurando que contestarán cando xa teña rematado o verán e, polo tanto, a oferta de Aulas Abertas”, opina Teijeiro.

Nesa liña, a edil popular incide en que “ducias de familias luguesas do entorno da Piringalla e de Sagrado Corazón víronse privadas este verán de servizos de conciliación” que si se ofertaron noutros centros sociais, ao tempo que reitera a necesidade de “homoxeneizar” a prestación de servizos. “O que temos na actualidade son diferenzas de actividades, de horarios e ata de idades en función do barrio no que residan os veciños”, subliña Teijeiro, o que exemplifica con tres casos: hai centros sociais onde admiten nenos de tres anos e outros que non; hai barrios nos que se suprime o programa de Aulas Abertas durante a segunda quincena de agosto a diferenza doutros; e hai diferenzas de ata dúas horas diarias na prestación do servizo segundo a dependencia municipal da que se trate.

Deste xeito, a popular propón que “a experiencia do acontecido este verán sirva para aprender e evitar que se repita a situación”, polo que urxe a que “dende xa, o goberno municipal traballe para garantir que nas vacacións de Nadal os pais de todos os barrios de Lugo poidan ter no seu centro social de referencia este servizo esencial para a conciliación”.

Por último, Mari Teijeiro reitera a necesidade de dar cumprimento ao acordo plenario aprobado a instancias do PP para que se elabore unha Ordenanza Municipal de Servizo de Atención á infancia mediante a que se regule o acceso ás prazas que se ofrecen nas ociotecas, aulas abertas e campamentos municipais organizados tanto nos centros de convivencia como nas casas das linguas. “Sería un xeito de igualar o funcionamento e os criterios de admisión nas prazas que se ofertan dende o Concello para a conciliación da vida persoal, familiar e laboral”, subliña a edil popular “para evitar que, por culpa do goberno, existan familias de primeira e outras de segunda”. 

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies