Obras

O PP critica “o bloqueo” de numerosos investimentos municipais

By 29 Setembro, 2015Xaneiro 12th, 2016Sin comentarios

Antonio Ameijide salienta que “un dos mellores exemplos da incapacidade socialista” é o das obras de saneamento de Monte Adairo, que levan máis dun ano iniciadas e varios meses completamente paralizadas

O concelleiro do GMPP Antonio Ameijide critica “o total bloqueo” de numerosos investimentos municipais, que atribúe “á parálise e á desgana dun goberno local, provocada, entre outras razóns, porque Lugo ten unha alcaldesa que non o quería ser”.

Ameijide explica que “unha das obras paradigmáticas” desta situación é a do saneamento de Monte Adairo e Pía Páxaro, nas Gándaras, “unha intervención moi sinxela que debería durar un máximo de tres meses pero que, en realidade, leva máis dun ano iniciada e agora máis dun mes completamente paralizada, sen ningún operario que se ocupe delas”. Nesa liña, o responsable de Infraestruturas do GMPP acusa aos socialistas “non só de estar a cuadriplicar o prazo previsto senón tamén de causar moitas molestias aos veciños”, xa que, neste momento, provoca serias dificultades para transitar en cadeira de rodas, cunha cadeira para bebés e mesmo tamén para a circulación dos vehículos; e incluso afecta aos residentes de rúas adxacentes como Bolboreta. “Estamos falando de que unha intervención á que apenas lle poden quedar uns días de traballo leva xerando queixas que eran perfectamente evitables dende hai meses”, resume o popular, para quen “os veciños pasaron de ter unha rúa a ter un completo barrizal”, ao tempo que indica que está pendente de certificar o 25,76% da obra (uns 21.500 euros).

Ante esta situación, Ameijide reclama ao goberno local “que inmediatamente envíe á brigada municipal para rematar unha obra que debería estar finalizada dende hai moitos meses e que tantas molestias e queixas está provocando na que, ademais, é unha das rúas principais de As Gándaras”. Deste xeito, os populares solicitan que “se busque solución o antes posible”, unha vez que se acordou rescindir o contrato, tras dúas recomendacións –o 1 de xullo e o 3 de agosto- dos técnicos (a primeira delas desatendida polo goberno, que preferiu por terceira vez o prazo de execución das obras), á empresa que se ocupaba destes traballos. “Pero o certo é que neste mes e medio non se avanzou absolutamente nada”, incide Ameijide, ao tempo que acusa aos socialistas de “excesiva permisividade” coa empresa adxudicataria porque “esta firma asturiana leva meses facendo todo o posible para a resolución do contrato” ao incumprir o prazo de execución, a obstrución e falta de colaboración da administración e o impago a provedores”, con débedas que ascenden a 7.500 euros e das que o Concello é coñecedor.

Plan de investimentos.-

Por outra banda, o popular insiste en que “o goberno local é o único responsable da baixísima execución das obras aprobadas por PP e PSOE en xuño de 2014 para destinar remanentes de tesourería derivados dos investimentos que os socialistas deixaron de realizar anos precedentes”. Así, Ameijide censura que “ano e medio despois o PSOE segue empeñado en empañar o que era un acordo importante para a cidade”, polo que acusa ao “novo goberno de manter as malas costumes, o desinterese e a despreocupación do anterior”.

Por último, destaca que “tamén o grao de execución dos orzamentos de 2015 demostran esa parálise e esa tendencia manifesta á inacción”, xa que, segundo lembra, durante os primeiros seis meses deste ano só se acadou a cifra de 1,9 millóns de euros de obrigas recoñecidas netas sobre un total previsto de 23,4 millóns de euros, o que supón un “exiguo” 8,25%. “Son todas as probas de que o novo goberno de Lugo vai camiño de deparar uns resultados de abandono idénticos aos dos anteriores 16 anos”, conclúe Ameijide.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies