O vicevoceiro popular explica que “as poucas obras e accións que está executando o goberno local, e que non alcanzan nin o 10% do acordado, corresponden aos proxectos do plan de investimentos de xuño de 2014 asinado entre o Partido Popular e o PSOE”
O Grupo Municipal do Partido Popular critica “a parálise” do goberno socialista que tras dous anos e sete meses tan só executou un 10% do plan de investimentos que pactou co PP en xuño de 2014.
O vicevoceiro popular Antonio Ameijide manifestou que “ainda non se empezaron os trámites en obras en varias rúas lamentando que estas intervencións só figuren no papel” algo que o popular achaca á falta de vontade política e a súa ineficaz xestión. Nese senso o popular tamén criticou que se bloqueen obras en rúas que, a estas alturas, tiñan que estar executadas como a rúa Aguía nas Gándaras, ou Flor de Lírio, Rei Chiquito ou Xoana La Loca no barrio da Piringalla e o seu entorno. Tampouco se fixo o peche da parcela do local Social de Galegos nin se sabe cando se vai instalar o ascensor de Fontiñas á altura das escaleiras Ramón Montenegro.
O vicevoceiro popular tamén puntualizou como os lucenses seguen sufrindo as consecuencias da lentitude na falta de renovación das tuberías de fibrocemento matizando que “o pasado venres unha rotura deixou sen auga, durante 20 horas, ao barrio de Fingoi afectando a un cento de veciños así como ás dependencias do centro de saúde de Fingoi”.
Outras intervencións nas que hai que mellorar é no reforzo dos servizos electromecánicos para evitar situacións inverosímiles como que se corte a luz en dependencias municipais tal e como aconteceu no MIHL, piscina de Frigsa e nun Centro Social.
Da listaxe de obras que se acordaron entre PP e PSOE en xuño de 2014 no pacto de investimentos dos remanentes de tesourería dos anos anteriores tamén figuran “dar continuidade dos itinerarios peonís no entorno de Volta da Viña, o paso soterrado do Anxo Carro, a cobertura do parque infantil de Augas Férreas ou outras cuestións de trámites como a entrega dos títulos de propiedade das vivendas do barrio da Croa”.
Os populares denuncian “o conformismo de Lara que a punto de chegar ao ecuador do mandato nin tan sequera foi capaz de executar as obras que quedaran previstas neste acordo dos remanentes”. Ameijide esixe á alcaldesa que “en vez de botar por terra estes proxectos asuma, dunha vez por todas, o compromiso de concluilos”.