EconomíaPersoal

O PP critica “o fracaso estrepitoso” do plan de emprego municipal

By 7 Maio, 2017Maio 8th, 2017Sin comentarios

 O vicevoceiro popular Antonio Ameijide denuncia que “renunciaron á subvención máis da metade das empresas que foran beneficiarias dunha axuda do Contrato feito”, o que demostra “o nulo atractivo” do programa deseñado polo goberno

O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, critica o “estrepitoso fracaso” do plan de emprego municipal (Con)Trato feito logo de que nas últimas semanas se sumaran novas renuncias de empresas ás axudas que tiñan concedidas ao abeiro deste proxecto.

A este respecto, Antonio Ameijide explica que “temos chegado ao punto no que máis da metade das firmas privadas que obtiveran financiamento do Concello para a contratación de persoal desestimaron participar finalmente del”, xa que renunciaron 38 das 75 que inicialmente foran adxudicatarias. “Se esta proporción xa é preocupante, máis aínda o é se se ten en conta que só 95 empresas presentaron a súa candidatura a estes fondos”, incide o vicevoceiro popular, para quen estas cifras “insignificantes con respecto ao volume do tecido empresarial lucense” poñen de manifesto “o dobre desastre do plan de emprego, que, por unha banda, non suscitou interese entre os empresarios e emprendedores; e, pola outra, dous de cada tres dos escasos interesados finalmente non accederon a eses fondos”.

Nesta liña, o vicevoceiro popular apunta que “isto supón que na práctica o Concello de Lugo vai deixar sen investir case 450.000 euros (447.491,61 euros) despois do desestimento de 38 empresas e unha entidade social”. “E o peor é que o goberno local continúa a ser incapaz de concretar se vai reinvestir eses remanentes en medidas que verdadeiramente contribúan á estimulación da creación de emprego, como levamos tempo pedindo dende o Grupo Municipal do Partido Popular”, asegura Ameijide en referencia á actitude “dubitativa” que sobre este asunto amosou o goberno local na última Comisión de Contas.

Deste xeito, Ameijide asegura que “a calquera goberno cunha mínima preocupación e cun mínimo compromiso preocuparíalle moito a escalada continua de empresas que renuncian a fondos municipais”, mentres que “pola contra, o único que se aprecia no caso de Lugo é un equipo de goberno que mira cara outro lado e que non asume ningunha responsabilidade no fiasco absoluto dun dos seus proxectos estrela”.

Finalmente, o vicevoceiro popular valora que “aínda que á vista deste fracaso sen precedentes é comprensible que o goberno local renuncie a implantar outro sucedáneo do (Con)Trato feito, o que non pode continuar pasando é que cada proxecto que aborde Lara Méndez acabe convertido en fume e marketing totalmente baleiro”. “Pola contra, nós temos claro que o que cómpre son medidas reais e efectivas que contribúan á xeración de emprego e á consolidación dos postos de traballo que existen na actualidade”, conclúe. 

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies