O voceiro popular amosou o seu malestar pola ameaza dos socialistas que aseguraron que existe un informe da asesoría xurídica que puntualiza que “aqueles que voten en contra poderían asumir responsabilidades penais”
O voceiro do Grupo Popular lamentou que a alcaldesa de Lugo intentase forzar o apoio do PP ás polémicas facturas con reparos, coa ameaza de que “se votábamos en contra poderíamos incorrer en responsabilidades penais”. Jaime Castiñeira explicou que a alcaldesa leu varios parágrafos dun informe da asesoría xurídica, do que non se nos entregou copia nin se nos permitiu consultar, e no que, segundo a alcaldesa, se apuntaba que se podería incurrir nun delito penal. “Queremos ter acceso a este documento, custanos crer que haxa sentenzas que marquen o sentido do voto” matizou Castiñeira quen insistiu en que moito nos tememos que “é un intento de manipular a postura do noso grupo”.
Os populares puxeron de manifesto a súa sorpresa porque, dende o primeiro momento, a alcaldesa se enrocou na mesma proposta do pleno e, logo, a medida que avanzou a xuntanza accedeu a presentar unha proposta para aprobar facturas por lotes. “Esperemos que sexa o máis subdividida posible porque hai moitos tipos de facturas, unhas non teñen problemas mentres que noutras hai unha ausencia total de procedemento”. O voceiro popular refírese a que dentro das 5.080 facturas que quedaron pendentes de pago por un importe de 2,3 millones de euros, hai algunhas que non teñen reparos e dentro das que son a empresas con contratos caducados se diferencian: aquelas nas que xa se iniciaron trámites para modificar a súa situación e as que seguen no mesmo punto que hai anos; e xa por último hai outras nas que hai unha total ausencia de procedemento. Castiñeira reflexionou que “colaboración sempre pero que non intenten pasar a responsabilidade da inoperacia e da falla de xestión dos socialistas , aos grupos da oposición”.
Por última expresou a súa queixa por enterarse pola prensa do contido da xuntanza de voceiros que se convocou para debatir este asunto “amosa pouco talante nun tema de tanto calado”.