Antonio Ameijide ve “chamativo” o “cambio de criterio” dos socialistas, que “agora fan aquilo ao que en abril se opuxeron”, en relación á modificación do tráfico en Infanta Elena, facendo bidireccional o treito entre rúa Monforte e rotonda de Paradai.
O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular Antonio Ameijide critica os “continuos bandazos” do novo goberno municipal, en referencia á obra que está a executar o Concello de Lugo no treito de Infanta Elena, entre a rotonda da rúa Monforte e a nova de Paradai.
Nesa liña, o popular lembra que “aínda que lle damos a benvida ao novo goberno a esta preocupación, que tantas veces temos trasladado dende o Grupo Municipal do Partido Popular, o que si temos que lamentar que non se tivera realizado esta obra de xeito simultáneo á que executou a Xunta de Galicia, por importe duns 3,5 millóns de euros, na construción da ponte”. Deste xeito, Ameijide indica que “de telo feito así, non só os veciños de Lugo poderíamos levar xa varios meses disfrutando desta intervención, senón que se minimizarían as molestias que se lles causa aos lugueses e mesmo se podía ter conseguido un aforro económico importante”.
O edil responsable de Tráfico e Mobilidade do Grupo Municipal do Partido Popular explica que “resulta incomprensible que o PSOE en abril, en idéntica situación á actual de forza minoritaria nun goberno en desbandada, non apoiara unha proposta plenaria do GMPP na que se pedía precisamente esta obra para mellorar a seguridade vial e o tráfico, de xieto que se puidese reducir o tráfico na intersección entre río Sil e rúa Conde, unha das máis conflitivas do casco urbano”. “Estamos a falar dunha zona na que conflúe o tráfico de dúas das entradas e saídas principais de Lugo, polo que non tiña ningún sentido non ter executado con anterioridade esta intervención para desconxestionar a circulación”, insiste o popular.
Por último, Ameijide critica que “non é a primeira vez que se produce un cambio de criterio e un bandazo que, dende logo, non é tranquilizador para os lucenses”, xa que “ao desplante que lle fixo a nova alcaldesa a Orozco en relación ao repintado de prazas de estacionamento en batería no entorno do HULA, tal como o PP tamén pedira en pleno e ao que o anterior alcalde se opuxera, agora engádese outro novo caso de desplante do que todos somos vítimas”.