Economía

O PP critica pagos sen contrato por 20 millóns de euros á empresa da auga

By 24 Febreiro, 2017Sin comentarios

 O voceiro popular Jaime Castiñeira afirma que “é escandaloso” que os contratos da potabilizadora e a depuradora leven seis anos caducados “sen que haxa nin un mínimo xesto do goberno por regularizar unha situación totalmente fóra da lei”

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, denuncia que o goberno socialista leva pagado sen contrato, a unha única empresa, uns 20 millóns de euros, “na enésima irregularidade de Lara Méndez”.

Trátase, en concreto, da multinacional que se ocupa da xestión da depuradora e a potabilizadora, que facturou dende o remate da súa prórroga contractual uns 10,3 millóns de euros pola Estación Depuradora de Augas Residuais, sen vinculación ningunha dende novembro de 2011, e outros 8,8 millóns de euros polos traballos na Estación de Tratamento de Auga Potable, tamén sen contrato dende febreiro de 2011. “Se temos en conta que por encargarse das dúas plantas vén cobrando ao mes uns 270.000 euros e que o panorama non ten visos de mudar, moi facilmente a cifra que falamos dos 20 millóns de euros non tardará en quedarse pequena”, advirte, ao tempo que engade que “aínda que mañá se regularizase a súa situación, cuestión altamente improbable, esta contía tamén se superaría con certeza, dado que Gestagua rexistra as súas facturas ante o Concello con meses de demora”. A este respecto, Castiñeira lembra que as tarefas na potabilizadora se están a asumir “cun simple contrato de posta en marcha e non de xestión” e que no caso da depuradora “o único contrato que había é para a estación vella, non para a nova”, o que pode “engadir algunha implicación legal”.

Para o popular, “é escandaloso que pase un ano tras outro sen que López Orozco antes nin Méndez agora dean un mínimo paso ou fagan un mínimo xesto do goberno por que unha actuación que debera ser excepcional non acabe convertida na práctica habitual de contratación deste goberno”. Nesa liña, advertiu á alcaldesa das “consecuencias legais” que, chegado o momento, lle pode implicar o seu “levantamento compulsivo” dos reparos de legalidade de intervención “sen adoptar ningunha medida correctora”, dado que “pode que á xustiza non lle sirva ese comportamento”.

Así mesmo, Jaime Castiñeira apunta que “tendo en conta que cunha nova adxudicación deste servizo ben nos podería ter repercutido nun aforro de entre un 20 e un 30%, os cinco millóns de euros que lle levamos regalado a Gestagua estarían moito mellor destinados ao saneamento de barrios e parroquias do Concello”.

Reparos de legalidade que se elevarán aos 17 millóns de euros.-

Por outra banda, o voceiro popular apunta que a partir do mes que vén tamén a concesionaria da recollida do lixo comezará a traballar sen contrato “sen que neste momento se teña avanzado tampouco na elaboración dos novos pregos para este servizo”, o que motivará que na práctica os pagos anuais con reparos de legalidade por parte do interventor se elevarán a preto do 20% do orzamento total. “Permitirlle ás empresas seguir facturando sen licitar os contratos de novo e a sabiendas ten unha consideración e unha tipificación legal moi clara”, conclúe. 

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies