O concelleiro popular Manuel López afirma que “por non acometer un proxecto de remate de menos de 30.000 euros o goberno socialista está a botar por terra un investimento de máis de 500.000 euros”
O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular Manuel López critica que a escola rural do lugar de Cabanas, na parroquia de Santa Comba, leve seis anos sen finalizar.
Tal como detalla o popular, “na práctica supón que o goberno socialista está a botar por terra un investimento de máis de medio millón de euros polo seu capricho de non executar un proxecto de culminación das obras orzamentado en menos de 30.000 euros”. Deste xeito, Manuel López lembra que, a proposta do Grupo Municipal do Partido Popular, o Plan de Investimentos aprobado entre PP e PSOE no pleno do 30 de xuño de 2014 para o destino dos remanentes de tesourería obtidos nos exercicios anteriores incluía unha partida de 27.696 euros para rematar a escola, coa incorporación de portas, a dotación de baños, unha escaleira para o acceso ao piso superior ou o adecentamento da finca, entre outras.
O edil de zona rural do Grupo Municipal do Partido Popular considera “unha irresponsabilidade total” que o goberno local non free “o deterioro e o abandono”, “que se fai cada vez máis patente” e que neste momento provoca que sexa incluso “imposible” acceder a esta instalación ao atoparse cercada pola maleza. “E ao ritmo ao que imos, en catro ou cinco anos en Cabanas non teremos máis que unha pila de pedras”, augura López, quen subliña que “este proxecto xa naceu con mal pé e cun fondo cuestionamento veciñal, tendo en conta que nesta parroquia xa había outro local social no que se gastaron outros 250.000 euros do Plan E”.
Así mesmo, López lembra que a rehabilitación da escola de Cabanas e a de Labio executáronse ao abeiro dunha subvención concedida no ano 2009 pola Consellería de Traballo cun investimento de preto de 550.000 euros, “sen que a día de hoxe ningún dos inmobles se concluíra”. No caso da de Labio, “o único que temos é un montón de pedras sen uso que tamén está a invadir a maleza, igual que na de Cabanas”. Paralelamente, o edil popular insiste na necesidade de que o Concello de Lugo desenvolva un plan de recuperación e uso da media ducia de escolas rurais que no Concello de Lugo precisan intervencións, algunhas de máis envergadura (Pedreda, O Burgo, Coeo, Labio, Cabanas e Casa do Mestre de San Xoán do Alto) e outras “de menor calado”, como Bascuas, Benade, Outeiro, Romeán e Santa Cristina.
Por último, López lembra que dende o GMPP xa se teñen emprendido diversas accións políticas para urxir ao goberno local ao remate e a fixar un uso para estas instalacións. Entre outras, aludiu ao pleno do 4 de novembro de 2013, “no que PSOE e BNG se abstiveron na nosa proposta de que se lle dese unha solución”; e a diversas comisións municipais, como as de agosto de 2015, setembro de 2013 ou outubro de 2011. “Todas elas con respostas disparatadas por parte dos socialistas, do tipo de que as obras xa estaban completamente rematadas na de outubro de 2011; ou do tipo de que aínda non se sabía a que destinar a escola, en novembro de 2013”, conclúe, ao tempo que apunta que “o novo goberno xa é coñecedor do caso e, de feito, hai máis dun ano comprometéronse a dar unha solución que, a día de hoxe, os veciños seguen agardando”.