Tras analizar os datos da conta xeral de 2015 o GMPP considera “pouco realista e rigurosa a actuación do goberno socialista en materia económica criticando que, a 31 de decembro, preto do 29% do orzamento estivese sen executar”
O GMPP acusa ao goberno local de condenar, ano tras ano, aos lucenses a unha maior presión sancionadora que confirma o afán recadatorio do equipo socialista. Antonio Ameijide explicou que, tal e como figura na conta xeral de 2015, as sancións de tráfico supoñen a oitava fonte de ingreso do Concello “dacordo cos orzamentos de 2015 contemplábase unha cantidade que se quedou curta xa que ao final a recadación alcanzou os 2.300.879,35 €”. Os ingresos por sancións de tráfico superaron ás dos ingresos por licencias, ocupación de vías, IRPF …
O concelleiro do Grupo Municipal do PP, Antonio Ameijide, tamén destacou o “pouco realismo e rigor” do goberno socialista en materia económica. O popular refírese ao baixo grao de execución do orzamento que debería estar executado nun 100% indicando que “con data 31 de decembro o 28,45% do orzamento seguía sen executar deixando sen investir en Lugo preto dun tercio en infraestructuras, mantemento e servizos”.
Tras analizar a xestión económica do Concello durante o pasado 2015, “comprobamos como Lugo volve a bater récords de empresas que traballan para administración local con contratos caducados”. Antonio Ameijide insiste en que “hai que ser máis firmes para corrixir esta situación de irregularidade administrativa e na que se atopan numerosos servizos que seguimos pagando con reparos de Intervención”. Dacordo co análise da Conta Xeral de 23 servizos que citan, 11 están sen contrato e 4 próximos a caducar.
O popular tamén advertiu á alcaldesa que “cada vez son menos cribles os seus argumentos contra as administracións gobernadas do Partido Popular e a súa postura de victimismo”. Ameijide salientou que as cifras poñen en evidencia “quen cumpre con Lugo e quen non”. Os populares explicaron que en 2015 estaba previsto recibir da Deputación 1.130.000 € e só se ingresaron 282.590€, privando aos lucenses de 850.000 € “sen que os socialistas reclamasen nada”. O popular indicou que “mentres tanto, os ingresos previstos por parte da Xunta de Galicia se incrementaron nalgunhas partidas en máis de 200.000€”.
Aos populares chámalles á atención que o período medio de pago a proveedores empeore nuns meses pasando dos 16,94 días de abril aos 29,93 días nos que se abonaban as facturas en decembro. Ameijide lamenta que o goberno socialista se mova ao ditado das eleccións para logo relaxarse “os autónomos e empresas teñen que sobrevivir todos os meses independentemente de que sexa ou non período electoral”, concluiu.