A edil popular Mari Teijeiro denuncia que “a única atención que presta o Concello de Lugo aos transeúntes é proporcionarlles aloxamento durante tres noites, sen traballar habilidades para que poidan saír desa situación”
A edil do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo Mari Teijeiro critica que o Concello de Lugo só realice atención directa a transeúntes tres horas á semana (lunes, mércores e venres, de 9 a 10 horas), un tempo “claramente insuficiente”.
Así, Mari Teijeiro denuncia que “con este horario, a única prestación que ofrece o Concello de Lugo é a cobertura de necesidades básicas de pernocta e alimentación de quen requiren asistencia máis alá das tres noites iniciais”, sen que paralelamente exista “un itinerario ou un programa de reinserción social e laboral que permita a este colectivo de persoas saír desa situación que atravesan”. “Dáse a circunstancia de que o goberno local, aínda sendo consciente da necesidade de implementar accións que vaian máis alá da simple derivación puntual, non está a cubrilas”, destaca Teijeiro, dado que “na práctica non se están a traballar habilidades nin se está a realizar a intervención exhaustiva necesaria nestes casos, que contempla medidas de prevención, acompañamento, seguimento e traballo de integración”. Nestes momentos, as persoas que fan uso deste recurso non poden permanecer nas instalacións entre as 9.00 e as 13.00 horas e entre as 14.30 e as 19.00 horas, “o que significa que durante oito horas e media ao día se ven abocados a estar na rúa en lugar de aproveitar ese tempo para avanzar na súa reinserción”.
Nesa liña, a concelleira popular explica que “nestes momentos só unha das 12 traballadoras sociais atende este colectivo como unha tarefa a maiores do resto de casos que lle corresponden por zona (para os que loxicamente dispón de menos tempo), de xeito que só pode dedicar tres horas semanais a unha cobertura que é insuficiente, máxime cando ten capacidade e vontade acreditadas para realizar esta intervención global que a mala organización política dos servizos sociais non lle permite”.
Así mesmo, Mari Teijeiro afonda en que “tendo en conta as múltiples causas que poden conducir a unha persoa a estas circunstancias, é preciso unha intervención máis profunda e específica”, para o que sería necesario que o Concello de Lugo implantase un Plan específico de inclusión dotado de máis medios e recursos técnicos para un traballo “sostido no tempo, que permita abandonar o asistencialismo e implementar eses itinerarios encamiñados á integración social e laboral”. Malia a todo, a edil popular recoñoce que “é certo que casos coma o de onte en Salvador de Madariaga sempre se poden producir, pero a probabilidade de que acontecesen sería menor se houbese vontade política por implementar este tipo de accións”.
Por último, a popular asegura que “estamos a falar dunha circunstancia que nos preocupa moito a todos os lugueses” e, de feito, un veciño do municipio trasladou a mediados de decembro á Comisión de Reclamacións e Suxestións unha proposta nesta liña. “E, por suposto, seguimos insistindo no que tantas veces dixemos de que o Concello se dote dunhas oficinas de Policía Local no centro para evitar desprazamentos ás dependencias de Sanfiz”, xa que “é incoherente que se asigne o Uxío Novoneyra por proximidade ao Fogar do Transeúnte (no Fogar de Santa María) e se continúe obrigando aos usuarios, algúns con mobilidade reducida, a ir a Sanfiz despois de ter a acreditación do vale no Uxío Novoneyra”.