Zona rural

O PP critica que o Concello faga con medios propios traballos contratados a empresas

By 25 Xullo, 2015Xaneiro 14th, 2016Sin comentarios

Manuel López asegura que “tal é o descontrol do goberno local que a brigada municipal de Obras estivo actuando esta semana na pista de Abol a Vilachá na que unha empresa tiña que estar realizando xa o aglomerado en quente desta mesma estrada”

O edil popular Manuel López critica que o Concello de Lugo faga con medios propios traballos contratados a empresas privadas, en referencia á intervención da brigada municipal de obras na pista de Abol, en San Xoán do Campo, a Vilachá, en Ribas de Miño.

Manuel López considera “indignante” que o edil de Zona Rural “se ocupe e se preocupe” de “adiantarlle o traballo con medios propios a unha empresa á que lle paga por realizar esas tareas, mentres que varios centos de quilómetros quedan sen intervención nin da brigada municipal nin dunha empresa externa”. Nesa liña, asegura que “é de sentido común que os operarios municipais deberían estar ocupándose de acondicionar as pistas nas que non van actuar firmas privadas”.

Así mesmo, o popular, que lembra que as obras levan adxudicadas á empresa dende o 14 de maio, apunta que “casos coma o dos desbroces que denunciamos a semana pasada ou este o que demostran é que o goberno municipal, igual que o anterior, non se entera do que pasa na zona rural”.

Manuel López indica que “dentro do contrato que o Concello subscribiu coa empresa Ovisa figura tapar os baches”, polo que reprocha aos socialistas que “obriguen aos lucenses a pagar dobremente os mesmos traballos”.

Por último, o responsable de zona rural do Partido Popular tamén censura que os usuarios desta pista sigan sen vela mellorada, “malia que leva máis dun ano aprobada polo pleno, con proxecto e dotación orzamentaria, froito do acordo entre PP e PSOE para o plan de investimentos con cargo a remanentes de tesourería de anos anteriores”. Ao mesmo tempo, indicou que igual ca esta pista, outras tres das inmediacións (da LU-612 a Belesar ata San Xoán do Campo; a de Ceza a Portanova; e a de Vilalvite a Ventosiños de Arriba) seguen “en idénticas condicións: con proxecto e con dotación orzamentaria, pero sen iniciarse sequera”. “O peor é que non se trata dun caso illado senón que non foron executadas ningunha das 25 obras aprobadas para as parroquias no marco deste plan”, concluíu Manuel López.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies