O vicevoceiro popular Antonio Ameijide lamenta que os socialistas leven dous anos sen responder á proposta da Xunta de Galicia, que se compromete a financiar a eliminación do estreitamento e a reurbanizar este treito da rúa Fisterra
O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, critica que o goberno local leve dous anos “bloqueando e torpedeando” a eliminación do tapón urbanístico da rúa Fisterra.
Tal como lembra o popular, o Concello de Lugo ten no seu poder un borrador de convenio remitido pola Axencia Galega de Infraestruturas o 19 de marzo de 2015 no que a Xunta de Galicia se compromete á demolición das edificacións (incluíndo a xestión dos materiais produto das demolicións, muro de contención e construción do ensanche da calzada e a beirarrúa) e a dotar de capa de rodadura de mestura bituminosa en quente no treito comprendido entre os puntos quilométricos 1,280 e o 1,420 da rúa Fisterra.
“Pasaron dous anos e o goberno municipal nin sequera se molestou en dar unha resposta firme a unha proposta que daría unha solución a unha vella reivindicación dos veciños de Albeiros”, expón Ameijide, ao tempo que detalla que “o peor é que nin sequera nos estraña esta conduta porque é outra mostra máis do comportamento obstaculizador do goberno local”, que “sistematicamente” se opón a todos os investimentos que a Xunta de Galicia e o Estado prevén para o Concello, “e aí está o bloqueo da licenza municipal para obras no CEIP das Mercedes, a inexistencia de terreos en condicións para a construción do novo CEIP do Sagrado Corazón, o bloqueo á rotonda de Afonso X ao non responder á petición da superficie precisa para esta glorieta ou a negativa a que o IES das Mercedes pasase a ser un Centro Integrado de Formación Profesional de vangarda a nivel autonómico”. “Por certo, dificilmente podemos crer que a alcaldesa será quen de rematar nuns meses co tapón da Avenida da Coruña cando leva dous anos sen asinar o convenio coa Xunta para suprimir o da rúa Fisterra”, afonda o vicevoceiro popular.
Titularidade desta rúa.-
Por outra banda, Antonio Ameijide apunta que “non ten ningún sentido que a día de hoxe as rúas Monte Faro e Fisterra sigan a ser de titularidade autonómica cando contan con todas as características e peculiaridades dunha de carácter municipal”. “Tan asumido está que a rúa Fisterra pertence ao Concello que o propio goberno municipal realizou recentemente a pavimentación da parte alta da vía con fondos propios”, indica.
Por último, o vicevoceiro popular tamén incide “nos problemas” en que pode xerar esta situación “mesmo para a regulación de tráfico”, dado que “dende o punto de vista legal, o Concello non podería tomar ningunha decisión ao seren vías cuxa titularidade corresponde á Xunta de Galicia”. “Para rematar con todo isto e para dar unha solución definitiva a unha vella reivindicación dos veciños de Albeiros, o único que tería que facer o goberno local é acatar o acordo plenario adoptado a iniciativa do PP hai un ano, no pleno de xaneiro de 2016”, conclúe.