Economía

O PP critica que o goberno local renuncie a axentes de emprego ofrecidos pola Xunta

By 2 Decembro, 2016Sin comentarios

 O vicevoceiro do PP, Antonio Ameijide, denuncia que o goberno municipal decidiu, ao contrario do 67% dos municipios lugueses, non optar ás liñas de axuda da Xunta de Galicia para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local

O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, criticou esta mañá que o goberno municipal decidise non optar á liña de axudas da Xunta de Galicia para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local.

“Lugo, e sobre todo os desempregados do Concello, deben saber que a alcaldesa declinou presentar candidatura ás liñas de subvencións convocadas pola Xunta de Galicia porque prefire seguir coa falsa cantinela de que o goberno de Feijoo non inviste no municipio”, asegurou Ameijide, quen subliñou que “é evidente que a socialista antepón os seus intereses partidistas ao castigar a varios lugueses sen ter un posto de traballo e sen contribuír á xeración doutros”, dado que precisamente o obxectivo é a colaboración na implantación das políticas activas de emprego relacionadas coa creación de actividade empresarial, actuando como promotores, asesores puntuais de proxectos de empresa e prospectores de mercado. “Pensabamos que coa saída de López Orozco se rematara coa filosofía de que canto peor lle vaia a Lugo, mellor lle irá ao PSOE electoralmente pero decatámonos de que non”, aseverou.

Nesa liña, o vicevoceiro popular destacou que “non atopamos argumento ningún para que o da capital fose dos poucos concellos que non optaron a este apoio para a contratación”, xa que preto do 70% dos municipios da provincia “presentaron candidatura e todos eles obteron un financiamento que cristalizará na incorporación de 48 axentes de emprego”.

Así mesmo, Antonio Ameijide incidiu en que “aínda que é certo que a taxa de paro do Concello de Lugo non é nin de lonxe a peor de Galicia cun 14,1%, parece incomprensible que o goberno local se desentenda de participar de iniciativas que permitan ila reducindo”. “Dixemos moitas veces que aos socialistas lles faltaba altura de miras e este caso volve poñer de manifesto a actitude irresponsable de quen antepón os seus propios intereses políticos aos do conxunto dos lugueses”, apuntou. “E non vou ser eu quen lembre que o Concello leva perdidos milleiros de euros en subvencións da Xunta ás que non se presentou ou que non foi quen de xustificar en tempo e forma”, advertiu.

Por último, o popular cualificou de “incongruente” que “o mesmo goberno local que decidiu poñer en marcha un plan de emprego cuestionado legalmente, por certo previsto con cargo aos orzamentos de 2016 e que no último mes do ano aínda segue sen prosperar, sexa o que se desentende de proxectos da Xunta que si contan con todos os avais”. “Para nós é unha situación que non ten ningunha explicación nin xustificación, polo que a trasladaremos á vindeira Comisión de Contas porque o mínimo que merecemos os lugueses son aclaracións e, de selo caso, desculpas por parte do goberno”, concluíu Ameijide 

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies