O voceiro popular, Antonio Ameijide, explica que “outro decreto desta mañá certifica o rotundo fracaso do Plan de Emprego municipal, no que desistiron de participar 44 das 75 empresas que resultaran adxudicatarias”
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, critica que outras seis empresas renunciaran á subvención que tiñan concedida ao abeiro do plan de emprego (Con)Trato Feito.
De acordo cun decreto asinado esta mesma mañá, xa son 44 firmas privadas as que desistiron de participar neste proxecto unha vez que xa tiñan outorgada a axuda, o que supón que preto do 60% das 75 empresas inicialmente beneficiarias desestimaron a subvención, ás que hai que sumar a entidade social que tampouco quixo recibir eses fondos.
En opinión dos populares, “o feito de que queden sen investir máis de medio millón de euros en fomento directo do emprego ben merece unha reflexión por parte dos socialistas, quen prefiren culpar aos empresarios, como demostra a hemeroteca do 9 de maio de 2017, en lugar de asumiren os seus erros”.
Nese senso, Antonio Ameijide incide en que “é imprescindible que a alcaldesa recoñeza a súa culpabilidade e, o que é máis importante, que dunha vez por todas destine eses 520.000 euros de remanentes á creación de emprego, como levamos pedindo moitos meses dende o Grupo Municipal do Partido Popular”. “O que non pode ser é que os socialistas sigan traficando coas necesidades dos lugueses e deixar que se aproxime o ano electoral para ocuparse desta cuestión urxente”, asegura, ao tempo que subliña que “o feito de que medio cento de familias queden na estacada ben require dunha mínima reflexión sensata, se é que ao goberno local lle importan os seus veciños e se é que o (Con)Trato Feito non foi máis ca unha operación de marketing”.
Para o voceiro popular, “aos veciños non lles serve de excusa que o goberno local estea noqueado, sen ideas e sen proxecto de cidade”, posto que “hai necesidades que son urxentes e inaprazables, e a creación de emprego debera ser unha prioridade para esta administración local, dado que é a principal preocupación dos lugueses”.
Por último, Antonio Ameijide censura “o continuo silencio do goberno local, que o único que engade é incertidume e malestar aos cidadáns, que loxicamente se senten enganados despois de que un Plan de Emprego que se lles presentara como o gran revulsivo acabase sumido tamén no fracaso máis absoluto”.