O vicevoceiro popular, Antonio Ameijide, afirma que “existe un profundo malestar tanto entre os veciños da zona como nos propios usuarios da estación de autobuses, aos que tamén se lles dificulta o acceso”
O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, critica que a rúa Soto Freire leve practicamente medio ano pechada ao tráfico “e sen avances na obra”.
Nesa liña, o popular lembra que esta vía foi pechada o 14 de decembro de 2015, momento a partir do que empezaron a chegar ao Grupo Municipal do Partido Popular queixas pola maneira de efectuar o corte. “Sen embargo, nas últimas semanas intensifícaronse as protestas porque veciños e comerciantes ven que as obras están estancadas e non se produce nin o máis mínimo avance”, apunta Ameijide, ao tempo que indica que “ademais de aos residentes e aos propietarios dos negocios do entorno, tamén están a verse afectados os usuarios da propia estación de autobuses que ven dificultado o seu acceso a estas instalacións”. “Tanto se incrementou o malestar que as comunidades de veciños afectadas mesmo se viron obrigadas a rexistrar un escrito para trasladar as súas protestas pola situación que arrastran”, detalla Ameijide.
Paralelamente, o vicevoceiro popular lamenta que “o goberno municipal estea a mirar cara a outro lado, sen preocuparse polo acceso para vehículos”. Deste xeito, Ameijide subliña que “o que debera ser un acceso provisional, como é a entrada dende a Rúa Dinán, non pode continuar a soportar como se nada durante máis tempo tal densidade de tráfico, posto que non está preparado para ese volume”. Ademais preguntouse quen vai pagar os desperfectos sobre este pavimento.
Por último, Ameijide censura a negativa da xerente do Plan Urban, “cuxa nómina pagamos todos os lugueses”, a dar información aos políticos da corporación. “Non ten lóxica que se peche en banda a responder preguntas sobre a situación na que se atopa a obra”, asevera o vicevoceiro popular, ao tempo que anuncia que “si ou si” terá que dar conta do punto exacto destas obras. “A menos que outra vez máis este goberno municipal volva negar á oposición o seu dereito a información”, conclúe.