O voceiro do Grupo Municipal do PP Ramón Carballo esixe a Lara Méndez que aplique exencións ou bonificacións nos recibos da auga e da recollida do lixo a aqueles autónomos e pequenos empresarios que certifiquen unha afección especial ou unha baixada de ingresos significativa debido ás restriccións sanitarias derivadas da covid
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Ramón Carballo, denuncia que Lara Méndez segue a pasar a cobro os recibos do lixo e da auga con total normalidade, incluíndo nese cobro negocios que levan 11 meses pechados e dende marzo do ano pasado aínda non puideron abrir de novo as súas portas.
Ramón Carballo fai públicas as queixas de varios establecementos da cidade, a maior parte deles locais de ocio nocturno, que viron como en marzo de 2020 tiñan que pechar as súas portas debido ás restriccións sanitarias e que, dende entón, non puideron abrir nin un so día os seus negocios. Unha situación que contrasta coa política seguida por Lara Méndez de seguir cobrando os recibos integramente a estes negocios a pesar de que non fixeron ningún uso destes servizos municipais e a que non puideron abrir as portas para traballar.
Para o voceiro popular a postura da rexedora “é intolerable” xa que hai moita xente que o está a pasar moi mal e o Concello de Lugo ten que facer todo o que estea nas súas mans para axudar aos veciños da cidade nestes momentos tan complicados. “Xa non valen escusas como que é preciso manter eses recibos para cadrar ingresos e gastos, xa que tanto Lara Méndez como Rubén Arroxo poden evitar gastos innecesarios para axudar aos lucenses”, sinalou.
Entre as medidas que se poderían desenvolver dende o Concello de Lugo para eximir destes recibos aos autónomos e pequenos empresarios que aínda non puideron abrir os seus negocios están gastos innecesarios como a suba salarial do 2% que a alcaldesa e o vicealcalde se regalaron, o gasto de máis de 100.000€ en dous vehículos oficiais de alta gama ou os 21.932,34€ que se gastaron en cadeiras e mesas de deseño e cinceiros de 300€ para o xardín do CEI-Nodus.
Unha postura que choca de fronte coa política defendida dende o Grupo Municipal Popular dende marzo, xa que nese intre puxémonos do lado dos cidadáns, presentando ata catro propostas encamiñadas a eximir de determinados recibos a todos os autónomos e pequenos empresarios que non poden traballar debido ás restriccións sanitarias derivadas da covid:
- En maio pediuse no pleno a “supresión do cobro do segundo trimestre recollida de lixo e auga, aos autónomos, hostaleiros, comerciantes, pemes… e resto de negocios cuxa actividade foi paralizada polo estado de alarma ou sufriron unha perda de ingresos de máis do 50%”
- En novembro solicitouse, entre outras medidas, “modificar as ordenanzas fiscais reguladoras das taxas polos servizos de subministración de auga, de saneamento e depuración de augas residuais, de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos da que se beneficiarán autónomos e pemes con domicilio fiscal no noso concello que acrediten unha baixada nos seus ingresos ou unha perda de facturación dende o 13 de marzo de 2020
- En xaneiro tamén se pediu “a redución ou exención das taxas municipais, á recollida do lixo e a auga, para contribuír á supervivencia do sector hostaleiro durante as restriccións máis elevadas”
Todas estas medidas foron rexeitadas por PSOE e BNG, polo que agora se remite unha cuarta iniciativa, neste caso un rogo a comisión, para a exención ou bonificación dos recibos da auga e recollida do lixo para aqueles negocios que non poden abrir.
Unha exención que se podería facer por diversas vías, como a través dunha declaración responsable. Deste xeito, os autónomos e pequenos empresarios que aínda non puideron abrir os seus negocios, ou que tiveron unha afección especial e unha baixada de ingresos significativa, solicitan ao Concello de Lugo a exención ou bonificación destes dous recibos e, cunha declaración responsable, certifican que non abriron os seus negocios nin os poderán abrir debido ás restriccións sanitarias. A continuación, o Concello aplicaría esa exención ou bonificación, reservándose sempre o dereito de comprobar que a información facilitada sobre o peche e a afección económica é veraz.
Ramón Carballo agarda que esta medida por fin teña a aceptación do bigoberno e deixen de poñer escusas como que o Concello de Lugo lanzou un plan de axudas económicas para os sectores afectados, un plan que non chegou a todos os lucenses, xa que non se repartiron todos os fondos consignados e que non foi suficiente para que cada autónomo puidese facer fronte aos recibos que o Concello de Lugo pasa a cobro periodicamente.
Por poñer un exemplo un local de hostalaría, de 200 a 400 m2, pagará por tres trimestres de lixo e auga 871€ aos que hai que sumar o IBI. Nun caso similar está un local de ocio nocturno que pagaría 943,50€ de lixo e auga e a maiores o IBI do local, o demostra que “os cartos que recibiron do Plan Reanima de Lara Méndez non lles cubren nin as taxas municipais. O que ingresaron do Concello se lles volve a ir pagando impostos municipais, mentres a alcaldesa e o vicealcalde se permiten luxos innecesarios como a subida salarial e os coches oficias de alta gama”.