O voceiro popular explica que o bigoberno empeza a recalcular “tal e como propuxo o PP” os recibos nos que se cobraba de máis a auga e avanza que pedirá información, na comisión da próxima semana, sobre o prazo estimado para que se resolvan os centos de peticións de cidadáns afectados
O Partido Popular está “moi contento” porque parece que PSOE e BNG “entraron en razón” e tomaron o guante que lles brindou o Grupo Popular para resolver as queixas dos centos de veciños que denunciaron cobros de máis no recibo da auga.
O voceiro popular Ramón Carballo explica que a alcaldesa xa asinou algún decreto no que se acorda “devolver o importe indebidamente ingresado a veciños que reclamaron, tanto de forma individual, como a través da campaña que desenvolveu o Grupo Popular”.
Carballo lembrou como o PP tramitou máis de 100 peticións de veciños e veciñas “afectados por este sobrecuste nos recibos” e que instou a que se modificase o procedemento de cálculo. É unha mágoa que tardasen meses en aceptar a nosa proposta explicando como “incluso chegaron a votar en contra desta solución no pleno do pasado mes de marzo”.
O voceiro popular insiste en que “se conseguimos que devolvan o cobrado de forma indebida é porque conseguimos activar aos cidadáns para que reclamasen o que é seu” reflexionando “non quixeron escoitar as solucións que lles propuxemos pero ao final a presión da veciñanza fíxolles dar marcha atrás e poñer en práctica ao dedillo o que lles pedimos”.
Ramón Carballo lamentou que tardasen tanto tempo en reaccionar e calificaran esta problemática de “insignificante” cando eran coñocedores dos problemas explicando como “foron eles mesmos os que os propiciaron coas remodelacións no servizo”.
O voceiro popular manifestou que “para o PP con que haxa unha única queixa xa é motivo suficiente para traballar e dárlle unha solución” ironizando coas palabras de Pedro Sánchez por vacunar á xente que non lle vota “nós a diferenza do xefe da alcaldesa socialista non miramos o carné político de quen pide axuda e tramitamos todas as peticións, independentemente das ideas de cada quen”.
Na comisión que se vai celebrar esta semana solicitarán información para valorar o alcance real desta mala xestión.
1. Cal foi o número total de reclamación sobre as liquidacións da tasa de auga, lixo e sumidoiros que se rexistraron no Concello de Lugo no que vai de ano? E nos anos 2019 e 2020?
2. Cantas destas reclamación foron respostadas? Cales de xeito favorable ao contribuínte? E cantas en contra?
3. Ás estimadas que solución lles ofrecen aos cidadáns?
4. Das que están pendentes de resolución, cal é o prazo estimado para a mesma?
5. Está prevista algunha rectificación global para a totalidade dos cidadáns, habida conta da situación que propiciou o Concello e que, tal como se indica nas resolución emitidas, son perxudiciais para o contribuínte?