Os populares queren que a alcaldesa clarifique “que pasos deu no último ano para buscar solares para construír a nova comisaría da Policía Nacional que o PP quere localizar no entorno da Residencia”
O PP presenta ao pleno deste xoves 4 iniciativas en positivo dúas delas encamiñadas a consolidar e dar un pulo ao casco histórico. A primeira é conseguir que a corporación solicite ao vicerrectorado que non peche o edificio xa que a xuízo do voceiro do PP Ramón Carballo “esa decisión é contraria ao espírito co que se abriu” engadindo que “esperemos que Lara Méndez estea á altura do debate e non minimice as consecuencias desta mala decisión”.
A outra proposición que tamén afecta á revitalización do casco histórico é a que propón unha listaxe de ideas para evitar a imaxe de abandono da Tinería. Os populares piden que, como medida preventiva, se valen e protexan todos os edificios da zona que presenten deficiencias. En segundo lugar, non se pode permitir que “a tres metros da muralla haxa edificacións deshabitadas e en estado de ruína por elo o concello debe obrigar aos propietarios a cumprir, en prazo, as ordes de execución para consolidar fachadas e cubertas”. E, por último, dende o PP insisten en acabar coas esperas interminable e os bloqueos nas tramitacións.
Con respecto ás infraestruturas hai dúas iniciativas. Unha é moi directa xa que se trata de conseguir que a alcaldesa explique que foi o que fixo durante o último ano para buscar a localización da futura Comisaría da Policía Nacional. O PP mantén a súa postura de axilizar os trámites co goberno central para facer esta “tan necesaria dotación” porque entende que hai que ofrecer medios necesarios para quen vela pola seguridade da veciñanza. Os populares solicitan que o emprazamento para a futura comisaría se busque no entorno do barrio da Residencia.
Por último, dende o Grupo Popular piden á Alcaldesa de Lugo, que ostenta o cargo de Presidenta do Eixo Atlántico, que se sume ás declaracións do Secretario Xeral do Eixo Atlántico reivindicando investimentos do goberno central para mellorar as comunicacións da Eurorrexión. Ramón Carballo explica que se Lara Méndez quere a Lugo debería antepoñer os intereses dos lucenses aos do PSOE e “se aspira a posicionar Lugo como unha urbe de vangarda o lóxico sería que pide o diñeiro ao goberno de Sánchez para contar coas mellores infraestruturas posibles”. “Aquí non valen as medias tintas”, concluía.