Antonio Ameijide explica que case un ano despois do devastador incendio de O Ceao o goberno de Lara Méndez “non foi quen de reaccionar pese a que foi o peor incendio da historia de Lugo” por mellorar a rede de abastecemento deste polígono industrial
O Partido Popular elevará unha proposición a pleno para urxir á renovación da rede de abastecemento no Ceao, apoiándose nos informes municipais derivados deste incendio. Neses informes certifícase a sospeita dos populares: “que a falta de presión de auga dificultou enormemente as tarefas dos servizos de extinción de incendios”.
O vicevoceiro popular Antonio Ameijide explica que “xa hai meses que advertimos da necesidade de planificar e proceder á renovación da rede de subministro de auga naquelas zonas do polígono do Ceao nas que a presión é moi baixa para garantir o subministro no caso de emerxencia, pero a realidade é que a piques de cumprise un ano deste incendio Lara Méndez non fixo nada por corrixir esta situación”.
Segundo os informes municipais, a presión de auga nas rúas onde tivo lugar o incendio era unha cuarta parte de la que había noutros puntos do polígono (de entre 0.6 e 0,8 kg/cm2), mentres que, por exemplo, na rúa dous Carpinteiros, á carón da ITV hai presión de 3,8 kg/cm2. “Queda claro que a mínima presión de auga coa que tiveron que afrontar o incendio os bombeiros foi o seu gran rival xunto ás lapas”, reflexionou Ameijide.
Por isto mesmo, os populares urxen a renovación da rede, actuación fundamental e imprescindible xa que suposto de que o goberno local opta por aumentar directamente a presión de auga existe o risco, nunha porcentaxe moi elevada, de sufrir rebentóns ou roturas na rede xa que as tubaxes son moi antigas, de fibrocemento, polo que moitas delas xa superaron con creces a súa vida útil. “A realidade é que non hai presión suficiente de auga e que as tubarias non son capaces de asumir un incremento de presión”, afirmou.
Ante esta situación, Antonio Ameijide insiste en que é preciso renovar a rede de abastecemento para mellorar o subministro no caso de que se produza outro suceso dese calibre ou peor. Incluso, o servizo municipal de enxeñería establece no informe que é necesario planificar un plan director do ciclo da auga e facer unha planificación e propostas de intervención para mellorar a rede de servizos.
Para garantir a seguridade, incluso dentro do propio corpo de bombeiros municipal, os populares insisten na necesidade de que este corpo conte cun cadro de persoal axeitado a unha cidade das dimensións e a poboación de Lugo. “É preciso reforzar o persoal. Segundo se establece dende Europa, o corpo de bombeiros debería contar cuns 100 efectivos, pero a realidade é que non hai nin a metade”, finalizou.