Deportes

O PP defenderá no pleno que Lugo conte cunha ordenanza para regular o uso e acceso ás instalacións deportivas municipais   

By 26 Xullo, 2021Sin comentarios

O concelleiro do Grupo Municipal do PP Óscar Poy lamenta que Lugo aínda non conte cunha normativa neste sentido, xa que nos anos 2018 e 2019 xa se aprobou por unanimidade a creación desta ordenanza, en ambas ocasións a iniciativa do PP, polo que non se entende esta demora inxustificada do goberno local

O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Óscar Poy, defenderá no vindeiro pleno que Lugo conte cunha ordenanza municipal que regule o uso das instalacións deportivas municipais, que redundará nun mellor funcionamento das mesmas ao regularse normativamente o uso destas.

Óscar Poy ve necesario que o municipio conte cunha norma neste sentido xa que as instalacións deportivas municipais contan cun elevado número de usuarios e, proximamente, cando se abra o novo pavillón polideportivo da cidade será preciso ter unha norma que regule o uso de todas estas instalacións para evitar calquera problema. “É preciso que o goberno local se poña a traballar nesta materia de inmediato, un asunto xa aprobado en pleno no 2018 e 2019, ambas a iniciativa do PP, polo que non se entende esta demora inxustificada”, lamenta.

A realidade é que no Concello de Lugo existe un importante tecido asociativo a nivel deportivo, entidades que desenvolven un importante traballo para o fomento do deporte, sobre todo, do deporte base que axuda á formación de novos deportistas e, do máis importante, persoas con valores.

Óscar Poy defende que a demanda de dotacións municipais non se axusta á oferta existente, polo que é o momento de dar un paso adiante para dar resposta ás necesidades dos diferentes usuarios das instalacións deportivas e facer un regulamento que dea soporte á disposición dos diferentes pavillóns, pistas… “É preciso mellorar e incorporar novos espacios, pero tamén é preciso facer que os existentes sexan accesibles a todos os usuarios garantindo un criterio obxectivo que dea acceso aos mesmos, así como clarificar os dereitos e obrigas que teñen os usuarios das instalacións deportivas municipais”, afirmou.

O deporte promove o desenvolvemento e a integración social, xera sentido de pertenza, forma en valores e virtudes, axuda á convivencia, estimula o cerebro, eleva a autoestima, forxa a disciplina, reduce o estrés… Polo tanto, a práctica deportiva ten moitos beneficios para as persoas, tanto desde o punto de vista saudable como desde o punto de vista social.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies