O vicevoceiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide sinala que durante o último Nadal, foron moitos os lucenses que amosaron o seu malestar pola mala imaxe que amosaba a zona central da praza, moi descoidada, pese ao intento de tentar lavar a súa imaxe coa colocación do alumeado
O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, demanda a humanización da Praza Maior de Lugo, unha zona que hai tempo á que non se lle realiza nin un mínimo mantemento nin un lavado de cara e que empeora co paso dos meses.
Antonio Ameijide refírese sobre todo na parte central da praza, o espacio de area, que debido ás inclemencias meteorolóxicas perdeu unha gran parte deste elemento, deixando as tapas de rexistro e os desaugues da auga á vista, varios centímetros por enriba da capa de area, provocando tropezóns e caídas aos lucenses. “Por sorte, ata o momento, todos os accidentes foron menores e non pasou dun raspón, pero non podemos seguir confiando na sorte e permitindo ao goberno local mirar cara outro lado, xa que é preciso dar un lavado de cara á praza”, sinalou.
Para o concelleiro popular un dos puntos neurálxicos da cidade, como a Praza Maior, ten que estar en perfecto estado de revista, xa que é un lugar simbólico para todos os lucenses e de paso obrigado para todos os turistas que chegan á cidade.
Ante esta situación, Ameijide pide que se deseñe un plan para recuperar a imaxe da praza, xa sexa a través dun recheo e prensado da area, ou doutro plan para trocar a imaxe da praza, xa que non podemos permitir que siga nesta situación. Ademais é preciso renovar moitos dos bancos da praza, xa que moitos están deteriorados e teñen eivas, como a falta de listóns de madeira ou teñen algúns rotos.
Tamén é preciso que pensen nunha solución definitiva para o quiosco que hai na parte inferior da praza, unha infraestrutura que leva anos pechada. Trátase de elementos que poderían ser moi útiles para os lucenses, xa que ademais do servizo que ofrecían (venda de prensa, revistas e outros elementos) tiñan un aseo público, algo fundamental na actualidade xa que non hai. “Tiveron tempo suficiente para pensar nunha solución para estes elementos, así que agora a situación é clara: a reapertura ou a súa retirada, xa que pechados non dan servizo aos lucenses”, sinalou.