O concelleiro do Grupo Municipal do PP Manuel López explica que o goberno local quere desenvolver un proxecto para levar o abastecemento aos veciños do lugar de Cardoso, na parroquia de San Mamede dos Anxos, proxecto co que dotarán de este servizo a cinco das seis casas da zona, polo que deixan a un único veciño sen auga corrente
O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Manuel López, denuncia as malas prácticas do goberno local contra un veciño do lugar de Cardoso, na parroquia de San Mamede dos Anxos, ao que deixan sen abastecemento de auga potable.
Manuel López cualifica esta situación de “moi grave” e acusa ao goberno local de “manobras caciquiles” xa que non ten ningún tipo de explicación que o goberno local leve o abastecemento de auga potable a un núcleo no que hai seis casas pero opte por deixar a unha delas sen este servizo.
O concelleiro popular pregunta ao concelleiro responsable do rural que motivos ten para que se dea esta situación, xa que non é de recibo que se dea un servizo a todos os veciños e se “discrimine” a un.
Manuel López explica que este proxecto para levar o abastecemento ao lugar de Cardoso ten un custo de 59.539,95€ e finánciase con remanentes do Plan Único da Deputación. Por iso, o concelleiro popular esixe ao goberno local que realice “un novo proxecto” para non deixar a ningún veciño sen o subministro de auga porque “non hai ningún motivo posible” para explicar esta “decisión caciquil”.