O vicevoceiro do Partido Popular, Antonio Ameijide, sinala que nos últimos 14 meses o Concello destinou case 4,4 millóns de euros nun milleiro de contratos “que en numerosos casos bordean a legalidade ao rozar os límites máximos”
O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, denunciou esta mañá en rolda de prensa o “abuso sistemático” do goberno local aos contratos menores, aos que destina unha media diaria de 10.346,94 euros.
Nesa liña, o popular revelou que entre o 1 de xaneiro de 2016 e o 28 de febreiro de 2017 o Concello de Lugo pagou, alomenos 4,4 millóns de euros (4.387.104,19 euros) pola adxudicación de 988 traballos por importes sen IVE inferiores aos 50.000 para obras e aos 18.000 euros para servizos e subministros, “unha contía á que hai que engadir todas as facturas de menos de 200 euros que non se desglosan nos listados publicados polo Concello de Lugo”.
En opinión de Antonio Ameijide, resulta chamativo que haxa meses “con picos de máis de 600.000 euros” de facturación nestes conceptos, “a priori reservados para traballos menores”, se ben “a realidade demostra que en moitos casos se emprega este procedemento bordeando os límites legais máximos previstos pola lei”.
Nese senso, o vicevoceiro popular destacou que “nos datos oficiais do Concello constan dous procesos de contratación cunha multinacional da construción por contías que eludiron o máximo legal contemplado para obras só por un euro”, en referencia a dous procedementos iniciados en relación á posta en servizo do vello cárcere por 60.498,95 euros, 1,05 euros por baixo dos 60.500 euros (IVE incluído) que fixa a Lei de Contratos do Sector Público. “É algo que non só pasa nestas obras senón que tamén se repite en, polo menos, 11 servizos”, entre os que se atopa a adxudicación hai un mes a unha consultora multinacional dunha asistencia técnica por 20.933 euros, 847 euros menos do máximo legal de 21.780 euros (IVE incluído).
Así mesmo, Antonio Ameijide fixo fincapé en que “hai diversas empresas de servizos aos que o Concello lles adxudicou nestes 14 meses ata 28 traballos e, polo menos, outras tres firmas que tamén sobrepasan a media dun contrato deste tipo ao mes”. “Con independencia do aforro económico que loxicamente obteriamos cunha licitación conxunta, tamén o servizo que se prestaría sería mellor, polo que todo serían vantaxes, a non ser que a intención dos socialistas sexa a de continuar fraccionando estes traballos en diversos contratos”, valorou.
Por último, o vicevoceiro popular subliñou a “especial opacidade” e a “falta de transparencia absoluta” destes procedementos de contratación, no que só poden intervir as empresas que decide o goberno ao convidalas. “Estamos a falar dunha contía que en 2016 supuxo un 4,25% do orzamento anual”, argumento polo que Ameijide considerou “urxente e inaprazable” que o Concello de Lugo implemente o Rexistro de Empresas promovido en reiteradas ocasións dende o Grupo Municipal do Partido Popular para fomentar a participación “en igualdade de condicións de todas as empresas existentes no municipio, en lugar de excluír sistematicamente a moitas delas da posibilidade de obter un contrato público”.