Educación

O PP denuncia o electoralismo do BNG por convocar o Consello Escolar Municipal a un mes das eleccións

By 17 Abril, 2023Sin comentarios

Sagrario Sánchez explica que dende o PP xa pedimos en varias ocasións a convocatoria deste órgano sen que nada se fixera e aproveita para recordar como nos catro anos que os nacionalistas levan á fronte de Educación so o convocaron unha vez, en 2019, e dende entón deixaron caer no esquecemento a este consello que debe reunirse como mínimo unha vez ao ano para abordar asuntos que preocupan e afectan á comunidade educativa

O Consello Escolar Municipal está convocado para o vindeiro 20 de abril, un órgano que debería de reunirse, como mínimo, unha vez ao ano pero que na realidade leva sen convocarse dende 2019, nunha clara mostra “do pouco respecto do BNG (responsable de Educación) por este órgano e do electoralismo da súa convocatoria” a pesar de que desde o PP se pediu a súa convocatoria en varias ocasións.

Denuncia Sagrario Sánchez que o “único obxectivo” dos responsables de Educación “é buscar réditos de cara ás eleccións de dentro dun mes”. No Consello Escolar Municipal están representados directores dos CEIP, sindicatos, Anpas, Inspección… e non se convocou dende o inicio do mandato, ocasión na que o Presidente do consello, D. Felipe Rivas,  pediu desculpas por non convocalo antes e recordou que debería convocalo mínimo dúas veces ao ano, comprometéndose a reunilos de novo, antes de rematar o ano 2019. Deste xeito,  demóstrase que “ao BNG non lle importan os problemas da comunidade educativa e as achegas que pode realizar este colectivo”, xa que non se volveu a convocar ata a semana pasada, coa súa celebración o día 20 de abril de 2023.

A realidade é que unha das principais peticións do Grupo Popular: a designación dun interlocutor entre os centros educativos e o Concello de Lugo para dar resposta ás necesidades dos mesmos non se tivo en conta, como tampouco os problemas denunciados polo PP, que foron todos reivindicacións realizadas polas comunidades educativas dos centros.

Listaxe de reclamacións pendentes dende setembro de 2022

A falta de limpeza, xa que nalgúns centros o persoal de limpeza non é suficiente (como o CEIP Anexa e o CEIP A Ponte). No CEIP Anexa,  levan todo o mandato sen limpar as ventás, as cortinas, as escaleiras da zona sur… por falta de persoal de limpeza.

No CEIP Gándaras desde hai anos, tanto os pais como os nenos teñen que ir pola calzada debido á falta de beirarrúas. Unha situación denunciada en reiteradas ocasións dende o PP e para a que se chegaron a reservar 60.000€ para estas obras, encomendadas a Evislusa, pero que nunca chegou a ser unha realidade. Tamén é precisa a renovación periódica da area do areeiro, que actualmente leva 4 anos sen renovar nin encher.

No caso do CEIP A Ponte é preciso dotar o entorno do centro de prazas de aparcamento xa que non hai, polo que os pais teñen que estacionar nun carril de circulación ou na beirarrúa mentres deixan aos nenos no colexio, complicando así o traballo do servizo de transporte escolar. Tamén cómpre mellorar o areeiro, a limpeza, a poda de varias árbores, arranxar e pintar varios muros do centro e pavimentar outra vez o patio xa que cando chove fórmanse charcas moi grandes. Unha situación que se debería de atallar cada ano debido aos danos que provocan ás inundacións que acontecen a miúdo.

No referente ao CEIP Paradai é preciso renovar o asfalto do aparcamento  do centro xa que está en moi mal estado.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies