O concelleiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide explica que despois dos exemplos denunciados polos populares, en Fontiñas e no barrio Feijoo, “realizamos un chequeo” pola cidade no que atopamos numerosos exemplos de como a maleza medra sen control, mentres o goberno bipartito de Lugo opta por mirar cara outro lado
O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, denuncia a “inacción” do goberno bipartito de Lugo no que a limpeza de maleza en Lugo se refire.
Antonio Ameijide explica que nas últimas semanas puxemos sobre a mesa dous casos de veciños afectados pola falta de limpeza das fincas que hai na cidade, un caso na avenida de Fontiñas e outro no barrio Feijoo. A raíz destas dúas denuncias “percorremos” a cidade para seguir a buscar exemplos da “total falta de traballo” do goberno bipartito de Lugo nesta materia, un eido no que teñen responsabilidade, segundo se establece na lei autonómica de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, que establece que os concellos teñen que realizar “a execución subsidiaria de acordo co establecido no artigo 22 desta lei, sen prexuízo da instrución do correspondente expediente sancionador”.
O concelleiro popular explica que un dos barrios máis abandonados polo goberno local é a Piringalla. Alí “atopamos” numerosos exemplos do abandono municipal. Por exemplo, os depósitos municipais de auga presentan unha imaxe “lamentable” cheos de maleza, nalgún caso superando a altura do valado perimetral. Enfronte, nos antigos depósitos, a imaxe non é mellor. Alí a maleza hai anos que medra “sen control” e xa ten a mesma altura que o propio edificio. “Estas dúas instalacións municipais resumen á perfección o que é a falta de traballo e a desidia do goberno local. Nos últimos catro anos Lara Méndez non fixo nada por Lugo, pero é que agora, con Rubén Arroxo no goberno, a situación mantense na mesma parálise”, explicou.
Antonio Ameijide sinala que as rúas e pistas desta parte da cidade son outro bo exemplo da pasividade do goberno local. Os populares atoparon durante o seu percorrido vías polas que tiñan que circular dous vehículos, un en cada sentido de circulación, pero a realidade é moi distinta, xa que a maleza invadiu por completo a calzada, deixando paso unicamente a un vehículo.
Zonas nas que a maleza tomou o control, polo que o goberno local permite todo tipo de actividades, xa que a falta de control por parte do goberno bipartito deixa imaxes “tan tristes” como vertedoiros incontrolados nas cunetas ou que a maleza tapa por completo sinais de tráfico ou os espellos que se colocan en cruces conflitivos para axudar a os condutores a mellorar a visibilidade, como sucede en Abella, ou a rúa Primavera, unha zona na que a maleza xa conta con varios metros de altura e invade a rúa.