Cultura

O PP denuncia que a falta de previsión do goberno local propiciou que aínda non se iniciase a actividade na Escola Municipal de Música

By 16 Outubro, 2020Outubro 19th, 2020Sin comentarios

A concelleira do Grupo Municipal do PP Beatriz Vázquez critica que, ademais de non poñer en marcha a Escola Municipal de Música o goberno local non foi capaz de implementar aínda as medidas de seguridade necesarias para comezar a actividade deste centro, algo que comprobamos ao visitar as instalacións da escola, xa que debido á falta de traballo deste goberno aínda asinaron o martes desta semana o decreto que establece o protocolo a seguir

A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Beatriz Vázquez, denuncia a falta total de previsión do goberno local que a mediados do mes de outubro aínda non puxo en funcionamento a Escola Municipal de Música de Lugo, un dos servizos municipais con maior demanda e mellor acollida por parte da cidadanía.

Ante esta situación, a concelleira popular explica que despois de visitar as instalacións da Escola Municipal de Música temos que lamentar que a día de hoxe a escola aínda presenta moitas carencias, o que pode indicar que falten varias semanas para que se poña en marcha a súa actividade. Entre as eivas que aprecian son a ausencia de sistemas de separación física entre profesor e alumno nas aulas de docencia dos instrumentos de vento, sinalización nas entradas e saídas do centro ou a colocación de papeleiras con tapa e pedal.

Beatriz Vázquez explica que a falta de previsión do goberno local na Escola de Música vese claramente nas ausencias de material de protección, pero tamén en que segundo o decreto asinado o martes desta mesma semana pola responsable de Cultura, o centro que acolle a Escola de Música quedarase pequeno para albergar a todos os alumnos, polo que moitos deles quedaran sen docencia este ano. “Non entendemos como o goberno local, tendo a cantidade de instalacións municipais que ten no seu haber, non habilitou novos espazos para que o alumnado da escola non interrompa os seus estudos” declara.

Ante esta situación, a concelleira popular presentará preguntas ante a comisión correspondente para coñecer os motivos de que non se fixese con tempo ningún tipo de actuación por exemplo para adaptar as aulas que a día de hoxe quedan inutilizadas polos protocolos, ao non dispor de ventilación adecuada. “Cunha simple obra poderían haber acondicionado entre 3 e 7 aulas máis aproveitando o espazo que hai”, explica.

Beatriz Vázquez tamén preguntará polos motivos de que non se teña planificado cubrir as posibles baixas dos profesores. No decreto asinado este martes establécese que “ante a baixa de longa duración dun docente, o alumnado do mesmo poderá tramitar a baixa de matrícula no centro con reserva de praza. Unha vez o docente volte da súa baixa o alumnado poderá matricularse de novo no mesmo curso e materia”. Para a edil popular non ten ningún sentido cortar deste xeito a formación do alumnado, polo que se debe planificar outra opción para que os alumnos poidan seguir cos seus estudos.

Tampouco se entenden os motivos de que non se habilitara ningún espazo mais axeitado para os ensaios da banda municipal de música, sobre todo ao ver que lugares amplos como o auditorio Gustavo Freire ou o novo auditorio de Magoi poden dar cabida a todos os membros da banda garantindo o cumprimento das medidas de seguridade e distanciamento social.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies