O voceiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide asegura que por segundo mes consecutivo a vintena de empregados deste centro de día municipal non percibiron as súas nóminas xa que Lara Méndez non pagou á empresa que xestiona este centro de día as facturas de xaneiro, febreiro e marzo
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, denuncia que Lara Méndez segue a amosar unha “nula preocupación” polos lucenses ao seguir sen pagar os recibos que adebeda á empresa que xestiona o centro de día Antonio Gandoy, un centro que conta cunha vintena de traballadores, os empregados quedaron sen percibir as súas nóminas por segundo mes consecutivo por mor do retraso do Concello no pago dos traballos realizados nos últimos meses.
Antonio Ameijide denuncia que Lara Méndez brilla por “unha nula xestión municipal” tal e como está a deixar patente cada día cos seus actos e a súa “neglixente” dirección do Concello. O popular sinala que o Concello debe as facturas de xaneiro, febreiro e marzo, polo que os traballadores non percibiron os seus salarios por segundo mes consecutivo.
O voceiro popular denuncia que a “estela de morosidade” na que se instalou Lara Méndez propicia, neste caso, que vinte lucenses non percibisen os salarios polo traballo que realizaron durante o mes de marzo, situación na que tamén se ven centros de autónomos e empresas da cidade, xa que Lara Méndez pechou o ano con 7.917 facturas sen pagar, por valor de 15.140.650,58M€, pese a que ten a súa disposición nas contas bancarias para facer fronte a estes gastos, unha cantidade que ascende a 37.576.646,29M€.
A esta situación hai que engadir que Lara Méndez sumiu ao Concello de Lugo e a numerosas empresas privadas de Lugo nunha situación “moi complicada”, xa que a alcaldesa decidiu “cargar nas costas de numerosas empresas” o peso de manter diferentes instalacións municipais.
Antonio Ameijide recorda, por exemplo, que a alcaldesa propiciou que o vello cárcere se xestione sen contrato, xa que nunca houbo, dende marzo de 2017. Nesta instalación, a alcaldesa debe máis de seis facturas. Desde xuño de 2018 só pagou as mensualidades correspondentes a novembro e decembro de 2018, algo “moi estraño” xa que non ten sentido que non se siga ningún tipo de orde lóxico para pagar as facturas. “Paga de xeito anárquico, xa que entre os problemas e o caos é onde está cómoda”, afirmou o popular.