O edil popular Manuel López critica que “cando máis da metade das parroquias deberían estar desbrozadas, aínda non comezaron os traballos”, en contra do fixado no prego de condicións, que prevé que a actuación se execute entre o 15 de xuño e o 11 de setembro
O concelleiro popular Manuel López denunciou esta mañá en rolda de prensa que, “cando xa encaramos a recta final do mes de xullo”, o goberno municipal aínda non ten contratados os desbroces da zona rural.
Tal como explicou López, dende que o equipo de goberno aprobou o prego de condicións que rexerán o contrato “xa pasaron máis de dous meses sen que se producira ningún avance”. Nese senso, detallou que as bases foron aprobadas na xunta de goberno do 13 de maio e que prevían que os traballos se realizasen entre o 15 de xuño e o 11 de setembro de 2015 en ata 700 quilómetros de pistas municipais.
“É dicir, estamos a falar de que neste momento deberían estar máis da metade das parroquias xa desbrozadas, de acordo co cronograma previsto, pero o certo é que non se completou nin a primeira”, resumiu o responsable de zona rural do Partido Popular, quen expuxo que “o único o que fixo o goberno local foi, para lavar a cara, limitarse a enviar un tractor municipal a que limpe o campo da festa naquelas parroquias onde se celebran as patronais”, polo que “parece que agora o que fan son desbroces a salto de campos da festa”.
Así mesmo, o popular comparou a situación deste ano coa de 2014, cando “despois de contratalos moi tarde, polo menos a estas alturas do verán xa levaban quince días desbrozando as pistas, cuns 250 quilómetros de traballos realizados”.
Grave risco de incendios e para condutores.-
En opinión de Manuel López, “ademais do risco evidente que supón a presenza de maleza para os condutores debido a que dificulta a visibilidade dos automobilistas tanto de sinais como en interseccións ou cruces de vehículos”, a falta de desbroces “incrementa notablemente os perigos de incendios na zona rural”. Nesa liña, destacou que o Concello de Lugo leva moitos días en risco extremo de incendios segundo o IRDI (Índice de Risco de Incendios Forestais), cun perigo superior ao 81%, “unha situación que se prolongará agás que se produza un cambio climatolóxico radical”.
Así mesmo, o popular sinalou que “despois de incendios como o do punto de recollida de plásticos en Recimil, da que tantas veces alertamos, o mínimo que podíamos agardar era que axilizasen todo o proceso de contratación pero seguen a amosar a mesma indiferencia e despreocupación ca antes”.
Por último, o edil popular tamén ironizou coas manifestacións realizadas polo novo concelleiro socialista de zona rural, quen nunha entrevista a pasada fin de semana subliñara que “o rural está inxustamente tratado por todos os poderes públicos”. “Co seu recoñecemento explícito, ademais de admitir que o investimento e a atención que ao longo de 16 anos lle brindaron ás parroquias os sucesivos gobernos do PSOE non foi xusto, o que está a sinalar é que non ten pensado mudar esa política de castigo, e unha proba diso é precisamente a despreocupación a respecto dos desbroces”, concluíu.