A concelleira popular propón consensuar un código ético para evitar o uso partidista da web municipal e das RR.SS da institución municipal polo que instan ao goberno local “a constituír unha mesa de traballo para elaborar unhas normas, código ou guía de uso destes medios”
Os populares din que á alcaldesa de Lugo fóiselle das mans “a politización das canles dixitais institucionais do Concello”. A concelleira popular acusa a Lara Méndez de utilizar diñeiro público para intentar adoutrinar aos lucenses en alusión “ao uso partidista da web y das RR.SS da institución”. Para o Partido Popular é grave que se utilicen ao servizo do PSOE unhas plataformas que están concibidas para dar información á cidadanía e denota unha falta de “pudor á hora de usar fondos públicos confundindo o interese público cos intereses do seu partido”.
Coa idea de mudar esta situación desde o PP propoñen consensuar un código ético ou unha guía de boas prácticas lembrando que “existe un acordo de pleno do ano 2014 para crear este foro para evitar o uso partidista da web institucional”. A popular indica que, lamentablemente, este acordo xa está obsoleto porque “o goberno local en vez de erradicar este tipo de prácticas propagandísticas agora o estendeu ao resto das plataformas dixitais”. Para o PP “esta guía ou código ético evitaría que os medios de comunicación institucionais do Concello de Lugo se usen en beneficio do PSOE e máis en concreto para o autobombo da alcaldesas”.
A concelleira popular Mar Caballas acompañou esta petición cunha listaxe de novas con mensaxes partidistas que o bigoberno de Lugo difunde nas canles oficiais sen ningún tipo de rubor usando uns medios que “deberían ser exclusivamente para informar á cidadanía e non para adoutrinala” (Ex : visitas de cargos orgánicos do partido socialista como a do Secretario Xeral do PSOE ao Impulso Verde ou críticas a outras administracións).