SeguridadeServizos xeraisTransparencia

O PP denuncia que boa parte das máscaras infantís repartidas polo goberno local non se corresponden coas que figuran no expediente de compra nin cos certificados

By 25 Maio, 2020Sin comentarios

O concelleiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide sinala que mentres o goberno local informaba en comisión da compra de 13.000 máscaras infantís para repartir entre os mozos lucenses, concelleiros do grupo municipal analizaban o expediente de compra no servizo correspondente, que so reflicte a compra de 3.000 máscaras infantís, polo que se pregunta se a concelleira minte ou se facilitou un expediente erróneo ou incompleto

O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, denuncia as incongruencias do goberno local coa compra das máscaras infantís de protección, xa que os datos proporcionados polo goberno local na comisión celebrada hoxe non se corresponden cos datos do expediente de compra das mesmas.

Antonio Ameijide explica que o Grupo Municipal do Partido Popular solicitou acceso o pasado 8 de maio a todos os expedientes relacionados coa compra de máscaras infantís por parte do Concello de Lugo, acceso que se concedeu 17 días despois a pesar de que o prazo legal para conceder acceso é de 5 días.

Ao realizar a consulta do expediente comprobouse que o pasado 29 de abril aprobouse o recoñecemento do crédito para pagalas, un crédito que segundo o expediente ascende a 3.743,29€, mentres que Paula Alvarellos informou de que se pagaran 10.000€.

Outra das incongruencias detectadas é que o expediente fala da compra de 3.000 máscaras infantís (xunto aos sobres e cartas para o envío), mentres que Paula Alvarellos confirmou que se mercaron 13.000 máscaras infantís. Datos que enlazan cos provedores das mesmas, xa que Paula Alvarellos afirmou que se mercaron “a diferentes provedores segundo a súa dispoñibilidade”, mentres que o expediente fala da compra a un único provedor.

Ante esta situación, o concelleiro popular sinala que hai unha situación moi clara. “Alguén está a mentir. Ou ben o expediente está incompleto, algo grave por non facilitar toda a información, ou ben a concelleira está a mentir, algo moi grave tamén xa que estaría a dar información falsa aos grupos municipais”, sentenciou.

Unha das cuestións que máis preocupación xera para os populares é que dentro do expediente de compra figuran uns certificados que se corresponden cun tipo de mascarilla concreto “e que se nos amosou fisicamente no servizo municipal” pero que non se corresponde con boa parte das máscaras enviadas aos fogares lucenses. “O modelo de máscara que se nos ensinou no servizo é un modelo fabricado en China, procesado nunha fábrica, mentres que boa parte das máscaras enviadas aos fogares lucenses son fabricadas con tea ou un modelo distinto, en colores e formato, ao que se nos amosou hoxe no Concello”, afirma.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies