Infraestruturas

O PP denuncia que Lara Méndez arrinca árbores para poñer o formigón do carril bici mentres presume de facer un Lugo biodinámico

By 5 Decembro, 2021Sin comentarios

Antonio Ameijide critica a Lara Méndez por levar adiante o seu carril bici “sen importarlle o prezo que nos fai pagar aos lucenses”, xa que as accións que se levan adiante para a súa creación chocan contra o ‘Green Vancouver’ e o ‘Lugo sostible’ do que presume

O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, critica a Lara Méndez por facer “o seu carril bici sen importarlle o prezo nin as consecuencias para a cidade” xa que estes días pode verse como na rúa Germán Alonso hai moitas queixas xa que para a instalación do carril “levaron por diante as árbores da rúa, que se plantaron alí hai máis de 22 anos”.

Unha situación ante a que Antonio Ameijide sinala que semella que “agora é máis importante o carril bici que o ‘Green Vancouver’” que Lara Méndez sempre tenta vender, pero a realidade é que quitan zonas verdes para poñer formigón na cidade. “Se este é o Lugo verde do que presumen, mal imos, xa que logo se lles encherá de novo a boca para falar de que fan un edificio sostible, que custou máis dun millón de euros, e un xardín botánico polo que pagan case outro millón máis, pero á hora da verdade arrincan árbores para poñer formigón”, apuntou.

Unha situación que non gustou nada aos veciños da zona, aos que xa non lles convencía moito o trazado do carril bici, xa que provoca a desaparición de preto de 20 prazas de aparcamento nunha zona na que é moi complicado estacionar, pero “a gota que colmou o vaso” foi a retirada das árbores que no seu día se colocaron para humanizar a rúa.

Situación semellante se produciu en Río Ulla e Pintor López Guntín. Na primeira das rúas retiraron os magnolios que levaban anos na rúa para colocar o carril bici, situación que aínda é máis grave en López Guntín, onde ademais de retirar as árbores tiveron que rachar co pavimento e plaquetas que puxeron hai poucas semanas para arranxar os desperfectos que tiña a rúa.

Ante esta situación, dende o Grupo Municipal Popular presentarán preguntas para coñecer o paradoiro destas árbores, xa que “agardamos que se recolocaran noutras zonas da cidade”.

A cada paso que avanzan no carril bici queda máis claro que o único que lles importa é construír esta infraestrutura sen importarlles a opinión dos veciños, “cada día máis críticos cun carril bici que non dará servizo e que o único que está a conseguir é a unión veciñal contra este proxecto”.

Ante esta situación, Antonio Ameijide insiste en ofrecer de novo a Méndez a colaboración do PP para estudar a mobilidade sostible da cidade e apostar polo uso da bici, pero sen danar aos barrios, sen quitar prazas de aparcamento e comunicando toda a cidade, en lugar de conectar unicamente 14 rúas do mesmo barrio.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies