O voceiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide explica que o informe do xefe de servizo de contratación certifica que os máximos responsables á hora de dar prioridade á licitación dos contratos caducados é o equipo de goberno, un informe que ademais foi aprobado en xunta de goberno por Lara Méndez
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, fixo público esta mañá en rolda de prensa que un informe do xefe de servizo de contratación, documento aprobado en xunta de goberno local, certifica que o Concello de Lugo ten o 50% dos seus contratos caducados, 44 de 91, aos que hai que engadir que hai 27 próximos ao seu vencemento.
Antonio Ameijide explica que este informe vén a confirmar o caos xerado polos gobernos socialistas no Concello de Lugo, un problema no que Lara Méndez tivo “especial incidencia” xa que no informe se confirma que “fixeron oídos xordos” a 102 avisos que alertaban da necesidade de renovar os contratos caducados no Concello de Lugo.
O voceiro popular confirma que no informe se certifica a responsabilidade de Lara Méndez e o seu equipo de goberno na xestión dos contratos ao afirmarse que “a xestión da cola de traballo está regulada pola asignación de prioridades que efectúa o equipo de goberno a través da Concelleira de Economía, que é quen indica que contratos son prioritarios en cada momento”. “Está claro que a responsabilidade é de Lara Méndez e do seu equipo de goberno”, afirmou o popular.
Este informe relaciona os contratos de servizos subministracións e outras prestacións periódicas no Concello de Lugo, contratos dunha duración ampla, superior ao ano.
Antonio Ameijide confirma que vemos como a denuncia presentada por unha presunta prevariación e unha presunta malversación de fondos públicos “cobra máis forza”, non só pola gravidade dos feitos denunciados, senón polos datos atopados, aos que hai que engadir a situación das marquesiñas de publicidade e do aparcadoiro público da praza Viana do Castelo, que non aparecen neste informe. Segundo o popular, trátase de empresas que seguen a lucrarse con propiedades municipais sen pagar un so euro ao Concello de Lugo, coa “complicidade necesaria” de Lara Méndez, que segue sen dar resposta a esta situación, denunciada hai meses polo Grupo Municipal Popular.
Unha situación “nefasta” para o Concello de Lugo, xa que repercute negativamente nas arcas municipais, xa que se estima que devolvendo todos os contratos a unha situación de legalidade, o concello lucense podería aforrar ata un 30% no custe destes contratos. Por iso, Ameijide sinala que “moito nos tememos” que esta situación se dirimirá no xulgado, porque a alcaldesa permite esta situación. “Cando Lara Méndez chegou á alcaldía herdou 6 contratos caducados tendo agora 44, e subindo. Nin nos peores pesadelos agardábamos unha xestión máis inepta que a deste equipo de goberno que o único que sabe é dar tumbos”, concluiu o popular.