O voceiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide explica que dos 100M€ finalmente proxectados por Lara Méndez para a cidade no ano 2017 tan só se executou o 70%, sendo a maior parte deste diñeiro gastos fixos para a administración, como son os gastos correntes e as nóminas do persoal, o que deixa un grao de execución de investimentos “ínfimo”
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, denuncia a nula preocupación de Lara Méndez pola mellora da cidade xa que no ano 2017 deixou sen investir en Lugo máis de 30% do orzamento municipal, o que se traduce en máis de 30M€ que non se investiron en obras necesarias para o avance da cidade.
Antonio Ameijide explica que no orzamento de gastos se reflicte como dos 100M€ proxectados para gastos, máis de 30M€ “quedaron no tinteiro”. “O que vemos é que hai unha execución orzamentaria do 70%, unha cantidade que pode parecer interesante pero que se analizamos que case o 60% do presupostos municipal son gastos correntes (auga, luz…) e ás nóminas dos funcionarios demóstrase que investiron moi pouco en Lugo”, afirmou o popular.
Para o voceiro popular, ano tras ano, Lara Méndez presentou “as contas da leiteira” e o peor é que “nin foron capaces de executar os seus orzamentos”. Por iso, o popular anunciou que se pedirá toda a información relativa aos investimentos reais e o seu porcentaxe de execución, que “pode ser ínfimo”.
Neste senso, Antonio Ameijide denuncia que “pese á boa vontade que tivemos desde o Partido Popular” para librar 4.3M€ en xullo de 2017 para facer obras en Lugo “non executaron nada”. “Está claro que non serve de nada darlles un voto de confianza”, afirmou. Entre as obras que non se executaron destacan a peonalización da rúa Quiroga Ballesteros, entre outras.
Conta xeral
Antonio Ameijide recorda que Lara Méndez leva á comisión de contas a conta xeral do ano 2017 con seis meses e medio de atraso. O ano 2017 é o exemplo perfecto do fracaso da política económica de Lara Méndez, “foi incapaz” de aprobar os orzamentos e non cumpriu coa lei.
A conta xeral tiña que presentarse na comisión de contas antes do 1 de xuño do ano pasado e sometela á votación do pleno antes do 1 de outubro “e como moi pronto irá ao pleno de febreiro”. Ademais, Lara Méndez tiña que remitila ao Tribunal de Contas antes do 15 de outubro, pero a documentación que facilitaron desde o goberno local amosa que comezaron a tramitación da conta xeral o 27 de novembro de 2018.