O voceiro do Partido Popular, Jaime Castiñeira, salienta que “o informe do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas de novembro de 2016 reflicte que en só un ano a alcaldesa de Lugo multiplicou case por catro a demora no pago a provedores”
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Jaime Castiñeira, denunciou esta mañá en rolda de prensa que o Concello de Lugo é a terceira capital de provincia española “que peor paga”, con 109,27 días de demora media “a maiores dos 30 días que estipula o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas para o cálculo do Período Medio de Pago a Provedores”, “só por diante de Xaén e de Granada”.
Tal como explicou o popular, o informe do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas feito público este días sobre morosidade do mes de novembro de 2016 é “claro” e reflicte “o alarmante e preocupante” grao de deterioro que “a alcaldesa está a imprimir á xestión municipal”. “Non hai máis que comparar os datos dese mes cos de períodos anteriores”, afirmou Castiñeira, en referencia aos 29,68 días cos que, de media, abonaba o Concello de Lugo as súas facturas hai xusto un ano (segundo as estatísticas de novembro de 2015) e aos 18,05 días que precisaba a administración local para pagar aos provedores en xuño de 2015, “momento no que a alcaldesa tomou posesión do seu cargo”. Nesa liña, o voceiro popular afondou en que “por suposto que é grave que o Concello estea a incumprir o período máximo estipulado por lei, de 30 días, pero máis o é aínda a tendencia alcista que amosa a administración municipal”.
Así mesmo, o voceiro popular fixo fincapé en que “Lugo triplica a demora que acumula a seguinte cidade galega que peor paga, que é A Coruña”, cuxo Período Medio de Pago a Provedores é de 38,50 días, “case a terceira parte dos 109,27 de Lugo”.
Por outra banda, Castiñeira criticou que “o máis paradoxal é que non se trata dun problema económico, dado que o Concello de Lugo dispón de fondos para asumir estes pagos, senón que estas demoras obedecen a unha nefasta dirección económica”. “Por iso a alcaldesa debe dar a cara e explicacións de maneira urxente de por que os provedores tardan de media catro meses e medio en cobrar”, advertiu.
Por último, o popular explicou que “non se trata só do problema que lles xeramos aos emprendedores e empresarios ao privalos dunha liquidez que lles corresponde polos traballos que realizaron senón tamén das repercusións legais que pode ter como unha posible incautación de fondos”.
ANEXO CON DATOS.-
Táboa 1.- Evolución Período Medio de Pago a Provedores Concello Lugo*
Xuño 2015 | 18,05 días |
Xullo 2015 | 19,67 días |
Agosto 2015 | 29,78 días |
Setembro 2015 | 40,88 días |
Outubro 2015 | 29,48 días |
Novembro 2015 | 29,68 días |
Decembro 2015 | 29,93 días |
Xaneiro 2016 | 43,49 días |
Febreiro 2016 | 58,42 días |
Marzo 2016 | 58,59 días |
Abril 2016 | 67,62 días |
Maio 2016 | 57,39 días |
Xuño 2016 | 72,58 días |
Xullo 2016 | 84,75 días |
Agosto 2016 | 88,83 días |
Setembro 2016 | 98,34 días |
Outubro 2016 | 94,89 días |
Novembro 2016 | 109,27 días |
* Período que sobrepasa os 30 días inicialmente estipulados para o pago das facturas (é dicir, os tempos “reais” son de 48,05 días en xuño de 2015 e de 139,27 días en novembro de 2016)
Fonte: Informes Ministerio de Facenda e Administracións Públicas
Táboa 2.- Comparativa con outras cidades galegas (novembro 2016)**
CIDADE | PERÍODO MEDIO PAGO | DEMORA REAL |
Lugo | 109,27 días | 139,27 días |
A Coruña | 38,50 días | 68,50 días |
Santiago de C | 37,19 días | 67,19 días |
Ourense | 16,56 días | 46,56 días |
Pontevedra | 3,93 días | 33,93 días |
Vigo | (- 8,94 días) | 21,06 días |
** O informe non recolle datos do Concello de Ferrol