Zona rural

O PP denuncia que Méndez perdeu unha subvención de case 100.000€ para a mellora de pistas en Santa María de Bóveda, San Xoan do Campo e Conturiz

By 23 Abril, 2019Maio 8th, 2019Sin comentarios

O concelleiro do Grupo Municipal do PP Manuel López explica que estamos ante a primeira subvención denegada ao Concello de Lugo, das moitas que quedan por chegar, debido ao incumprimento do goberno de Lara Méndez de non enviar “nos prazos marcados pola lei” os datos da conta xeral do ano 2017

O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Manuel López, denuncia que Lara Méndez vén de perder unha subvención de 95.077€ da Xunta de Galicia destinada a melloras de camiños municipais.

Manuel López explica que os case 100.000€ desta subvención cos que se poderían mellorar pistas “moi deterioradas” nas parroquias de Santa María de Bóveda, San Xoan Campo e Conturiz non chegarán ao Concello xa que a Xunta emitiu un informe “desfavorable” en base a que “o concello solicitante, segundo os datos do organismo correspondente, non remitiu as contas do exercicio ao Consello de Contas con anterioridade ao vencemento do prazo de presentación da solicitude de axuda (28 de febreiro de 2019) tal e como se establece no apartado c) do artigo 7 das normas reguladoras do Plan Mellora”.

O concelleiro popular explica que “xa avisamos no seu momento” que poderíamos chegar a esta situación, xa que esta é unha das consecuencias de incumprir o artigo 212 da Lei de Facendas Locais. Neste artigo se esixe a “obriga” de todos os concellos de aprobar en pleno antes do 1 de outubro de cada ano os datos da conta xeral, un documento “moi importante” xa que se os concellos non renden contas ante o Tribunal e non envían a conta xeral antes do 15 de outubro de cada ano, as consecuencias poden ser “moi negativas” para os concellos infractores xa que “poderase reter o importe das entregas a conta e, no seu caso, anticipos e liquidacións definitivas da participación nos tributos do Estado que lles corresponda.

E o peor é que “tememos” que esta será a primeira subvención denegada de moitas, xa que a “nefasta” política económica de Lara Méndez ten consecuencias “moi negativas” para os lucenses, tal e como agora se certifica, e os primeiros afectados son os veciños das parroquias de Santa María de Bóveda, San Xoan Campo e Conturiz que verán como “algo tan necesario” como o arranxo das pistas que dan acceso ás súas vivendas seguen sen realizarse por mor “da desidia e o mal facer” de Lara Méndez. “Estamos ante un goberno noqueado, desnortado e sen capacidade de xestión, polo que o mellor que nos pode pasar a todos é que remate o mandato e se produza un relevo no goberno municipal”, sentenciou o popular.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies