O concelleiro do Grupo Municipal do PP Manuel López explica que hai catro meses que se produciu unha fuga na tubaxe no lugar de A Carballosa, en Muxa, unha avaría que se arranxou “a medias” xa que non se asfaltou a zona na que se realizou a intervención, un bache que provoca molestias aos veciños e condutores que empregan esta vía que une Muxa coa Campiña
O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Manuel López, denuncia o “lamentable” estado que presenta a pista que une Muxa coa Campiña despois de que no mes de xullo se reparase un problema nunha tubaxe pero non se chegou a reasfaltar a zona.
Manuel López “non ve normal” que despois de catro meses a pista siga nun estado “lamentable” e alerta do perigo que entraña para os condutores xa que se trata dunha curva con moi pouca visibilidade e xa se coñecen casos de desperfectos en varios vehículos xa que é unha zona moi transitada porque tamén da servizo á parroquia de Benade, ademais do transporte urbano, “mentres non o quiten” xa que coa reforma do transporte público que pretendían introducir os socialistas, esta, e outras parroquias, quedarían sen servizo de bus urbano.
Por iso, o concelleiro popular denuncia o “descontrol municipal” existente á hora de realizar arranxos “a medias”. O normal sería que, despois de arranxar o problema na tubaxe, reasfaltaran a pista para devolvela a súa situación normal. Unha pista que, segundo recorda Manuel López, no seu momento se alquitranou en quente co cargo aos fondos do Plan E.
Por iso, o concelleiro popular urxe ao goberno socialista de Lugo a arranxar esta situación canto antes para evitar máis molestias aos usuarios desta vía e veciños da zona.
Esta situación, por desgraza, tamén se repite noutras zonas do Concello de Lugo, como no barrio de San Lázaro, onde a estrada de Orbazai ten un burato de grandes dimensións dende o mes de xullo despois doutro rebentón na tubaxe, unha avaría que tamén se solucionou “a medias” xa que despois da actuación para arranxar a tubaxe o burato o encheron de area e, a día de hoxe, segue sen asfaltarse, polo que a zona se atopa desde hai catro meses cunha sinalización provisional para avisar do perigo para a circulación.