EconomíaTransparencia

O PP denuncia que o goberno de Lara Méndez pretende que os cidadáns afectados polos cobros indebidos nos recibos da auga paguen por duplicado

By 31 Maio, 2022Sin comentarios

Explican os concelleiros populares que o goberno local esixe aos afectados o pago dunha nova liquidación dos recibos para logo proceder á devolución dos recibos, sen dar prazo para o reintegro, habendo xa cidadáns que levan dous meses agardando tras presentar toda a documentación esixida

As queixas polos cobros indebidos nos recibos da auga seguen a chegar á oficina do Grupo Municipal do Partido Popular, tendo nesta ocasión unha gravidade maior, xa que denuncian moitos veciños que o goberno local pretende agora que paguen dúas veces.

Dende o Grupo Municipal do Partido Popular explican que se realiza esta valoración despois de ver as explicacións que o goberno local está a dar aos cidadáns afectados, aos que está emitir unha nova liquidación, que o cidadán afectado ten que pagar no prazo dun mes. “A realidade é que os cidadáns xa pagaron unha factura desmesurada, e non lles devolveron os cartos, e agora teñen que pagar unha nova liquidación e presentar un xustificante bancario do que está mal cobrado”, apuntan os populares.

Unha situación que non resolve o problema ao cidadán, xa que hai casos de veciños que se achegaron ata a oficina do Grupo Municipal do Partido Popular para denunciar que xa realizaron todo o procedemento sinalado polo Concello de Lugo e que xa pasaron dous meses dende a presentación do xustificante bancario sen que lles devolveran os cartos cobrados de máis.

“Vemos como o único resultado ata o de agora é que o cidadán paga por duplicado, cando, seguro, que hai outros métodos máis sinxelos para recalcular os recibos e devolver o cobrado indebidamente”, explican.

Outra das críticas que están a escoitar os concelleiros populares é a lentitude do goberno local na resolución das reclamacións xa que “temos constancia de que se están a atender agora as reclamacións que os lucenses presentaron en marzo do ano pasado”, unha tramitación moi lenta que aumenta a incerteza dos lucenses, aos que o goberno local tampouco da prazos concretos para tramitar as devolucións.

Para os populares o goberno local adoece de “falta de criterio” xa que segundo os diferentes veciños que veñen a presentar a súa reclamación “vemos que a cada cidadán se lle atende dun xeito diferente, cando debería de haber unha tramitación idéntica”.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies