O voceiro do Grupo Municipal do PP Ramón Carballo sinala a xestión do goberno local conseguiu que o Concello de Lugo pasase de pagar as facturas nun prazo de 79,02 días a 102,92, o que reflicte a “nefasta” xestión económica que están a desenvolver, uns datos que se reflicten no informe realizado pola tesourería municipal
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Ramón Carballo, lamentou a política seguida polo goberno local de Lugo que empeorou “notablemente” os datos de pago a provedores, xa que o período medio de pago se situou en 102,92 días.
Ramón Carballo sinala que os datos “non son un invento do Partido Popular senón que os proporcionou o servizo de tesourería do Concello de Lugo”. Segundo este informe había pendentes de pago, ao peche do segundo trimestre de 2019, 6.628 facturas, por valor de 12.057.924,13€, a pesar de que o Concello de Lugo ten nas contas bancarias municipais 40.621.584,77€.
Das 6.628 facturas que hai pendentes de pago, 4.248 xa incumpren o prazo legal establecido para pagar as facturas, situando o período medio de pago pendente en 165,11 días. Neste senso, Carballo pon de manifesto que a tesoureira municipal reitera, por enésima vez no seu informe, que “non existe un problema de liquidez nin imposibilidade financeira ningunha para poder afrontar os pagamentos municipais”. Un informe no que se engade que “os incumprimentos en materia da normativa de morosidade neste momento están a reflectir unha deficiente e lenta xestión interna na tramitación administrativa das facturas pero en ningún caso un problema financeiro ou de liquidez para atender os pagamentos”. Por iso, a tesoureira sinala que “reitérase a necesidade de tramitar nos prazos establecidos na normativa de morosidade as facturas que están pendentes”.
O informe aportado hoxe pola tesourería municipal certifica que o goberno local de Lugo só pagou no prazo legal establecido o 16.88% das facturas, ou dito doutro xeito, o goberno local pagou fóra de prazo o 83% das facturas. Outro dato que destaca a parálise municipal é que das 8.191 facturas que se pagaron no segundo trimestre do ano, tan só 1.383 se pagaron dentro do prazo legal establecido, polo que 6.808 facturas se pagaron excedendo o prazo legal.