Servizos sociais

O PP denuncia un novo intento de agresión nun centro social municipal

By 8 Xuño, 2016Sin comentarios

 Mari Teijeiro revela que hai uns días unha técnica do centro Uxío Novoneyra recibiu insultos e ameazas, o que requiriu da presenza da Policía Local, “sen que o goberno adoptase medidas que eviten que se repita unha situación deste tipo”

A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo Mari Teijeiro denunciou esta mañá en rolda de prensa un novo intento de agresión no centro de convivencia municipal Uxío Novoneyra.

Tal como explicou, hai uns días unha técnica dos servizos sociais deste centro recibiu insultos e ameazas dun usuario, altercado que requiriu da presenza da Policía Local. “Se é grave que se produza un incidente desta natureza, máis o é que a día de hoxe non se adoptara ningunha medida para impedir que se repita”, asegurou Teijeiro, quen instou aos socialistas á elaboración “dunha vez por todas” dun protocolo de prevención e dun procedemento de actuación en caso de risco. “O caso destes días vénse sumar a moitos precedentes, con denuncias de diversos traballadores diante de insultos, ameazas e intentos de agresión, sen que os socialistas fixeran nada dende que por parte do PP se denunciaran os primeiros incidentes en 2011”, destacou a popular, quen subliñou que  “como en tantas outras cousas, a chegada da alcaldesa tampouco se notou neste aspecto”.

Accións a contagotas.-

A edil popular criticou a “despreocupación e a falta de sensibilidade” do goberno municipal á hora de protexer aos seus propios traballadores, “aos que desampara”, xa que as accións en materia de seguridade producíronse “a contagotas e son claramente insuficientes”. Así, expuxo que ao longo do 2015 só se reubicou o mobiliario dos despachos dos técnicos para favorecer e axilizar a evacuación en caso de riscos, mentres que no que vai de 2016 simplemente se entregou un test anómino de riscos psicosociais, “coa dificultade engadida de que ao ser anónimo impide a identificación do traballador e, así, corrixir o risco que lle afecta”.

Nese senso, incidiu en que “resulta incomprensible que o goberno local se desentenda de implantar medidas básicas correctoras para impedir que se repitan estes feitos, como a instalación de timbres, a colocación de videocámaras de gravación, dispoñer dun garda de vixiancia permanente ou un protocolo de apoio ás vítimas”, algunhas das actuacións previstas nun informe do servizo de Prevención de Riscos Laborais do 25 de maio de 2015, días antes dunha reunión na que “paradoxalmente, os socialistas plantearon unha solución que dende o PP apuntaramos anos atrás, como é a de aproveitar a segunda actividade da Policía Local para estes centros, fórmula á que o goberno municipal se opuxo en pleno”.

Resposta en caso de agresión.-

Por último, a edil popular tamén propuxo durante a súa comparecencia que cando se producen agresións deste tipo sexa o Concello quen se persone na denuncia, “en lugar de ser o traballador, como acontece na actualidade, porque así quedaría máis protexido ante posibles represalias”, explicou. 

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies