Os populares desvelan que, a poucos días da inauguración das Caldas, Lara Méndez aínda non sabe o modelo de xestión que porá en marcha e esta mañá en comisión aseguraron que se porá en marcha a través de contratos menores e que aínda non teñen contratada a seguridade privada, cuxo custe pode chegar aos 16.500€/mes
Con toda seguridade Lara Méndez inaugurará nuns días as Caldas do Miño e aínda non sabe o modelo de xestión para poñelas en marcha nin o custe total de mantemento.
Así se desprende da información facilitada hoxe en comisión polos membros do goberno local que unicamente sinalaron que a xestión se rexerá a través do novo prego de instalacións deportivas e, mentres tanto, a xestión realizarase a través de contratos menores. “Queda clara e patente a falta de previsión, de traballo e de xestión do goberno de Lara Méndez que tivo meses de sobra para planificar o modelo de xestión das Caldas e, a poucos días da apertura, aínda non sabe como xestionalas”, lamentaron
As Caldas do Miño suporán un custe aproximado de algo máis de 400.000€ anuais. Iso é o que se desprende dos datos facilitados polo goberno local: 2.541€/mes de mantemento, 8.914,59€/mes de socorristas e 750€/mes de luz, aos que hai que engadir custes de auga e vixilancia privada que non se facilitaron. Segundo as preguntas realizadas polos concelleiros do PP, o custe de vixilancia privada 24 horas (como ten previsto o goberno local) pode dispararse por enrriba ata os 16.500€/mes ao que hai que engadir os de auga. “Falamos de máis de 30.000€ mensuais, polo que se hai algún imprevisto o custe pode chegar ao medio millóns anual”, denunciaron.
Os populares xa denunciaran en numerosas ocasións “a irresponsabilidade” de Lara Méndez por poñer en marcha o proxecto das Caldas do Miño sen ter estudo económico algún sobre os consumos, a vixilancia, a limpeza desta nova infraestrutura, algo que se reflicte hoxe mesmo despois de que non puideran cuantificar en comisión o custe da seguridade privada e da auga.
No PP lamentan que unha vez máis a alcaldesa levou adiante proxectos con fondos europeos pensando exclusivamente “na foto do momento e no seu autobombo persoal”, sen antes facer unha mínima planificación de como soster no tempo este tipo de infraestruturas.