O voceiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide explica que segundo os datos de horas extraordinarias do 2017 e o 2018 (ata agosto) os socialistas ordenaron realizar 23.612 horas extra, tendo un custe total para as arcas municipais de 512.999€, dos que a alcaldesa incumpre a legalidade e pode deixar sen pagar 92.441,52€
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, desvelou que 120 traballadores municipais non cobrarán todas as horas extraordinarias que a alcaldesa e o equipo de goberno lles ordenaron realizar por exceder dos límites máximos establecidos no Regulamento Interno de Persoal.
Antonio Ameijide explica que estes 120 traballadores municipais fixeron as horas que desde o equipo de goberno lles ordenaron realizar, equipo de goberno que agora “semella non quere pagar”. Falamos de horas que lles encargaron a 95 traballadores durante o ano 2017 e a 25 traballadores ata agosto deste ano, a pesar de saber que incumprían o Regulamento Interno de Persoal. “O peor é que a cifra aumentará nos últimos catro meses do ano”, afirmou o popular.
Durante o ano 2017 os traballadores municipais realizaron 15.578 horas extraordinarias, cun custe de 323.460€, pero, destas horas extra, máis de 3.133 horas quedarán sen pagar. “Un 20% das horas extraordinarias asinadas polo equipo de goberno quedará sen pagar o que se traduce nuns 65.000€”, afirmou Ameijide.
No que se refire ao ano 2018, ao Grupo Popular so lle facilitaron datos ata o mes de agosto, e ata esa data os traballadores municipais xa realizaran 8.034 horas, o que se traduce nun custe de 189.539€ para as arcas municipais. Pero, como no ano 2017, nesta ocasión tamén hai un traballadores que excederon o límite, o que se traduce en 1.350 horas por enriba dos máximos legalmente estipulados. “O peor é que aínda faltan os catro últimos meses do ano”, explicou Ameijide, que engadiu que a situación “pode empeorar moito” xa que son meses nos que está o San Froilán e outros eventos que propician un reforzo do persoal.
Atendendo aos datos segundo os diferentes servizos municipais, dáse o caso de que a un so traballador lle queren deixar sen pagar 7.767€ polas horas extraordinarias realizadas, xa que acumula un exceso de 328 horas. “Falamos dunha cantidade de diñeiro moi importante e que se trata de horas encargadas e traballadas por esa persoa e agora Lara Méndez e o equipo de goberno non queren pagar”, afirmou o popular.
Por servizos, os departamentos que acumulan maiores débedas son Bombeiros e Policía Local aos que lles queren deixar sen pagar 17.838,04€ e 22.873,10€ respectivamente, en 2017.
No que se refire ao presente ano, xa hai un caso dun empregado da unidade de sancións que excedeu o límite máximo de horas extraordinarias en 175 horas, polas que lles corresponden 3.039,75€ que non sabe se cobrará, a pesar de encargarlle traballar esas horas a sabendas de que non as poderían pagar. Curiosamente hai outro caso, nesta ocasión unha persoa que traballa nas escolas infantís, no que xa se excedeu o límite máximo de horas extraordinarias en 171 horas. Unha situación ante a que o voceiro popular denuncia que Lara Méndez quere deixarlle sen pagar 4.776,03€.
Por departamentos municipais, no 2018 (ata agosto) sancións foi o que máis horas acumulou, cun exceso de 730 horas, o que se traduce en 12.680,10€ que o equipo de goberno socialista quere deixar de pagar por uns traballados realizados polos empregados municipais.
Antonio Ameijide destaca que os socialistas “abusan” das horas extraordinarias porque non realizan o seu traballo que é “reforzar” todos os servizos que precisan de máis persoal ante a gran carga de traballo e os poucos efectivos que hai para realizalo.
Departamentos como informática, cemiterio, conserxería, bombeiros, parque móbil, policía local ou sancións “están totalmente saturados” debido ao desmantelamento ao que os someteron os diferentes gobernos socialistas, que se ven na obriga de “ordenar e asinar” horas extraordinarias que logo non van a pagar.
Unha situación ante a que Antonio Ameijide pregunta a Lara Méndez que vai a pasar cos 120 empregados municipais que excederon o límite máximo de horas extra. Para o voceiro popular o xeito de actuar dos socialistas propiciou un “enriquecemento inxusto” do Concello a costa do traballo dos empregados municipais.
Por iso o popular afirma que se os socialistas non pagan esas horas traballadas, os traballadores terán que acudir á xustiza e “quizais” haberá responsabilidades persoais e patrimoniais da alcaldesa e dos concelleiros que asinaron as horas. “A alcaldesa e os concelleiros que asinaron a realización desas horas son os únicos responsables deste desastre. A sabendas de que non as pagarían, as ordenaron”, afirmou o popular, que non se esquece do director xeral de recursos humanos, unha persoa que desde que chegou ao Concello de Lugo “non fixo nada” por solucionar este problema, senón que empeorou, e segue a cobrar o seu soldo de 4.700€/mes.
O voceiro popular recorda que o seu grupo xa levou a pleno, e conseguiu que se aprobara, unha moción para que no pleno deste mes se leven todas as horas que aínda non se pagaron aos traballadores e a modificación do Regulamento Interno de Persoal, algo sobre o que aínda non fixeron nada porque aínda non levaron á xunta de goberno e non hai nada sobre levar a pleno as horas que faltan. “Xa o dixemos hai tempo, que quen fai un traballo ten que cobralo polo que a alcaldesa e os concelleiros terán que responder do que decretaron e asinaron”, sentenciou Ameijide.