O concelleiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide lamenta que debido ao abandono e á desidia dos diferentes gobernos socialistas que tivo Lugo durante os últimos 20 anos condenaron ao Concello a instalarse nunha inoperatividade administrativa que impide á administración local ata responder a tempo as sancións
O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, desvela que o goberno local terá que facer fronte a outra sanción máis da Confederación Hidrográfica Miño-Sil polo mesmo motivo, ao non darlle solución durante anos. De feito pagarase a totalidade da sanción imposta pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil debido á lentitude da tramitación administrativa no Concello de Lugo, o que impediu unha pronta resposta á Confederación.
Antonio Ameijide sinala que o 15 de maio de 2019 os técnicos municipais emitiron un informe sobre esta sanción, no que se indicaba que xa “non procedía formular alegacións ao Prego de Cargos remitido pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil”. Ademais, os técnicos do Concello de Lugo informaban “unha vez máis de que o modo de tramitación destes expedientes no Concello de Lugo estaba a impedir a pronta resposta á CHMS”, o que trae como consecuencia a imposibilidade de acollerse ás opcións de redución das sancións impostas, por exceder os prazos establecidos para poder obter estas reducións.
Este técnico descoñece a tramitación realizada neste expediente ata o día da data, si ben neste momento, ademais da procedencia do pago, existe unha necesidade urxente do mesmo, para evitar situacións de morosidade do Concello de Lugo polo impago da mesma.
A sanción á que fai referencia o concelleiro popular é do ano 2018 debido a un verquido do aliviadero dunha estación de bombeo do Polígono de O Ceao, uns feitos “confirmados polos técnicos municipais”.
Deste xeito, os propios técnicos do Concello de Lugo entenden que non procede formular alegacións ao Prego de Cargos remitido pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil e que o cálculo dos danos causados se considera correcto, polo que procede o pago da sanción. Unha situación á que os técnicos engaden “que o modo de tramitación destes expedientes no Concello de Lugo está a impedir a pronta resposta á CHMS”, unha situación derivada do abandono e a desidia dos diferentes gobernos que tivo Lugo durante os últimos 20 anos.