O voceiro do Grupo Municipal do PP Ramón Carballo non entende esta demora en resolver estas reclamacións aparentemente sinxelas de comprobar e resolver xa que se trata de casos nos que hai informes ou peritaxes que certifican as reclamacións presentadas, circunstancia seguramente debida ao desmantelamento dos diferentes servizos municipais realizado polos gobernos socialistas nos últimos anos
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Ramón Carballo, desvela que o goberno local tarda unha media de 822 días en resolver as reclamacións estimadas por responsabilidade patrimonial do Concello de Lugo, .
Ramón Carballo sinala que estamos ante unha mostra máis da incapacidade deste goberno local para dirixir o Concello de Lugo, xa que estes 822 días son 2 anos e tres meses, un dato moi por enriba dos seis meses marcados pola lei, que establece que “as reclamacións por responsabilidade patrimonial teñen que ter unha resposta nun prazo máximo de seis meses”.
Das reclamacións que se resolveron e estimaron, nas que o Concello de Lugo asumiu a súa responsabilidade, supuxeron un desembolso para as arcas municipais de 5.139,58€, unha cantidade que se incrementará en vindeiras datas xa que unha das resolucións non establece a cantidade coa que se ten que resarcir aos demandantes.
Destas reclamacións estimadas, a que máis se tardou en resolver foi unha reclamación danos materiais presuntamente causados nun vehículo en marzo de 2017 como consecuencia dun sumidoiro sen tapa sito na rúa Serra de Ancares. Unha reclamación que tardou 1.203 días en estimarse, ou o que é o mesmo: 3 anos, 3 meses e 17 días, moi por enriba dos seis meses marcados pola lei. Neste caso, o Concello de Lugo tivo que indemnizar a este reclamante con 191.54€.
Outra das reclamacións estimadas polo concello foi a dunha lucense que sufriu unha caída no paso de peóns que hai na confluencia da rúa Otero Pedrayo coa Avenida da Coruña. Por mor deste infortunio, esta lucense non puido exercer a súa actividade profesional polas lesións sufridas, polo que o Concello de Lugo tivo que indemnizala con 431.66€ e tardou 697 días en resolver a reclamación. Neste caso, o problema debeuse ao mal estado de conservación que presentan as rúas da cidade, xa que esta muller tropezou cun dos moitos buratos que había neste paso de peóns e que, non hai moito, se encheron de grava e agora volven a aparecer.
As outras reclamacións atendidas debéronse a un golpe dunha tapa de rexistro sobre un vehículo e aos danos sufridos por outro coche debido a tarefas de desbroce, reclamacións que se saldaron con indemnizacións de 800,89€ e 150€ respectivamente.
Estas catro reclamacións estimadas polo Concello de Lugo tiveron un custe para as arcas municipais de 2.007,44€.
Para os populares esta demora na resolución destas reclamacións é unha mostra máis da “parálise” á que o goberno local somete a Lugo xa que se trata de reclamacións “sinxelas de comprobar e resolver”. “Non estamos a falar de reclamacións nas que hai que facer investigacións. Son casos nos que hai informes ou peritaxes que certifican as reclamacións presentadas, polo que non terían que demorarse tanto tempo as resolucións”, finalizaron.