EconomíaInfraestruturasMedio AmbienteTransparencia

O PP di que a mellor forma de desenvolver un proxecto na Fábrica da Luz e que Lara Méndez devolva os 2,5M€ que nos quitou a todos os lucenses

By 8 Maio, 2022No Comments

Antonio Ameijide explica que a creación dun proxecto enogastronómico na Fábrica da Luz, que sona como unha fuxida cara adiante da alcaldesa, pode estudarse xa que pode ser útil para a economía da cidade, pero tamén recorda á alcaldesa que non é preciso recorrer a fondos europeos para acometer este proxecto, xa que se pode desenvolver cos 2,5M€ que tanto a ela como Daniel Piñeiro teñen que devolver a todos os lucenses  pola indemnización pola súa actuación neglixente na Fábrica da Luz

No Grupo Municipal do Partido Popular ven como unha alternativa interesante o anuncio de Lara Méndez de crear un proxecto de enogastronomía na Fábrica da Luz, pero temen que se trate “dunha fuxida cara adiante” para tentar desviar a atención nesta infraestrutura, na que os lucenses xa pagamos 2,5M€ pola neglixencia da rexedora e o exconcelleiro Daniel Piñeiro.

Unha situación ante a que Antonio Ameijide sinala a Lara Méndez que non é preciso agardar a ver se conceden a Lugo fondos europeos para desenvolvelo, xa que se podería levar adiante cos 2,5M€ que a rexedora e Daniel Piñeiro teñen que devolver a todos os lucenses.

O concelleiro popular afirma que esta podería ser unha boa saída para a Fábrica da Luz, que tamén pode ser totalmente compatible coa instalación das turbinas neste edificio, actuación que, recordan, xa esta pagada, pese a que estes elementos seguen tirados nunha nave do polígono industrial de O Corgo, pola que se pagan 1.400€ mensuais de aluguer. “A produción de enerxía eléctrica é compatible con este proxecto, polo que pedimos que se instalen as turbinas”, sinalan.

A realidade é que Lara Méndez leva anos esquecéndose da Fábrica da Luz e para mostra, como presentou fóra de prazo, ante a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, a solicitude para renovar a concesión desta instalación, o que provocou a caducidade da concesión e a posterior indemnización á empresa que ía explotar estas instalacións.

Antonio Ameijide esixe á rexedora que non se esqueza de solucionar o que realmente importa aos lucenses: que se devolvan os 2,5M€ ás arcas municipais xa que ningún veciño de Lugo ten culpa da actuación neglixente de Lara Méndez e os seus concelleiros.

Unha vez resolto este extremo é o momento de solicitar de novo a concesión da explotación ante a CHMS para poder sacar rendibilidade a esta infraestrutura, así como poñer en marcha algún proxecto para aproveitar estas instalacións. Non hai que esquecer que se prevé que a factura eléctrica do Concello de Lugo se duplique neste ano, pasando dos 5,5 aos 11M€ e que, ao carón da Fábrica da Luz Lara Méndez pretende inaugurar este ano unhas charcas de auga quente da billa, polo que a produción de enerxía na Fábrica da Luz podería axudar a abaratar a factura eléctrica municipal.

Leave a Reply

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies