Na semana europea da mobilidade o PP pide unha reflexión e un consenso de todos os grupos políticos para definir a mobilidade no Lugo post Covid “dando protagonismo aos desprazamentos a pé, e ao uso de medios alternativos como a bicicleta ou coches eléctricos”
O Partido Popular presenta unha batería de medidas para definir a mobilidade no Lugo post Covid co ánimo de buscar consensos e acondicionar a cidade aos novos tempos nos que hai unha tendencia a dar un maior protagonismo aos desprazamentos a pé, ou uso de medios alternativos como a bicicleta ou coches eléctricos.
Antonio Ameijide aproveitou o inicio da celebración da semana europea da mobilidade para introducir o debate destas propostas reclamando “recuperar o tempo perdido dos últimos anos” aclarando que “ao bipartido pilloulles esta nova realidade sen ter os deberes feitos” en alusión ao retraso na implantación da reforma do transporte urbano, a falta de aparcamentos para bicicletas, a ausencia de puntos de recarga para coches eléctricos ou a nula concienciación da cidadanía para levar a cabo medidas que contribúan ao hábito de camiñar.
Fomentar os desprazamentos a pé e divulgar a idea de que moitas veces se chega antes andando que usando vehículos particulares. A vantaxe é que non contaminamos, aforramos cartos e por riba é un hábito saudable. Nese senso dende o PP propoñemos: acondicionar un trazado de eixos continuos e seguros que crucen a cidade; crear #Lugociudadquecamina coa posta en marcha do metrominuto que é un plano que indica distancias e tempos entre varios puntos da cidade coa idea de promocionar o desprazamento a pé e, tamén, consensuar no gabinete de tráfico os cambios de direccións en barrios así como futuras peonalizacións
Crear unha cultura da bicicleta con propostas como:
– Ampliación en máis zonas de aparcamentos de bicis; facer un rexistro voluntario e gratuito de bicis no concello para evitar os roubos; oferta de bicicletas públicas recuperando os aparcamentos e as unidades que se adquiriron no programa Rebicíclate.
Facilitar puntos de recarga para coches eléctricos:
– A petición do PP o goberno local comprometeuse a determinar as mellores localizacións para estas prazas públicas de recarga xa que hai empresas que as instalan a custe cero. Lugo xa contaba con dúas prazas para a recarga e estacionamento de vehículos eléctricos (unha na rúa Cidade de Viveiro e outra na rúa Alcalde Anxo López Pérez), pero o goberno de Lara Méndez decidiu suprimilas
Incrementar uso do transporte público con propostas como:
– Liñas máis curtas con frecuencias de 10 a 15 minutos; Transbordos gratuítos, establecendo puntos que sirvan de nós para facilitar transbordos; gratuidade para menores de 18 anos, persoas xubiladas, pensionistas e familias con escasos recursos; creación dunha APP para móbiles para informar, en tempo real, das chegadas de autobuses, frecuencias, enlaces e posibles incidencias no servizo e mellorar a información das paradas coa posta en funcionamento dos paneis dixitais e coa colocación de novos paneis informativos.