O vicevoceiro popular Antonio Ameijide afirma que “non nos sorprende que o BNG diga que está en contra de completar a ronda Leste para vertebrar a cidade sen dar alternativas” aclarando que “estas manifestacións certifican a reaparición do BNG máis rancio”
Ameijide lamenta que o BNG estea sempre en contra de infraestruturas transformadoras para Galicia polo que, non nos sorprende que agora se opoñan a unha infraestrutura clave para o crecemento da cidade ao igual que, no seu momento, definiron a AP9 coma unha navallada a Galiza.
“Aos nacionalistas só lles interesan as infraestructuras para unha foto ou un chío enxeñoso pero, á hora da verdade, seguen pensando en pequeno e, deste xeito, coa súa mentalidade cativa nunca poderemos facer un Lugo grande” insistindo en que con esta actitude o BNG demostra que “non coñece as preocupacións nin as necesidades reais dos lucenses”.
O vicevoceiro popular manifestou que “os socios de goberno de Lugo son incapaces de antepoñer os intereses dos lucenses por riba do seu partido” asegurando non comprender “coma nun proxecto desta envergadura haxa esta división de opinións: mentres que para a alcaldesa e os seus é innegociable executalo, para o BNG supón unha aberración”.
No único que coinciden ambos partidos é na política de confrontación aberta coa Xunta, reflexionaba Ameijide, que insistiu en que a ronda Leste é unha vella demanda dos lucenses salientando que “completala é vital para vertebrar a cidade de norte a sur, facilitar desprazamentos e reducir densidade de tráfico en vías como Fontiñas”.